Burela acollerá do 18 ao 23 de xullo un stage de perfeccionamento para xogadoras de baloncesto a partir de 14 anos de idade.

Burela acollerá do 18 ao 23 deste mes un stage de perfeccionamento técnico e táctico para xogadoras de baloncesto a partir de 14 anos de idade. Foi presentado na Casa do Concello burelés e o acto contou coa participación do alcalde, Alfredo Llano; un representante da xunta directiva do Club Baloncesto Burela, Juan Luis Moreno; e unha representante da asociación Drocer e do CB Ensino Lugo, Ana Ónega.

Os organizadores explican que esta actividade, denominada Burela Basket Pro, “reunirá a 38 xogadoras de baloncesto de 14 anos en diante para buscar a mellora técnico táctica das participantes. Este novo  formato, no que traballarán conxuntamente xogadoras profesionais do Durán Maquinaria Ensino Lugo, de Liga Feminina Endesa, coas rapazas de mellor nivel de Galicia, terá como director técnico a Miguel Ángel Ortega, un dos nomes máis coñecidos no baloncesto español e novo adestrador do Ensino. Acompañarano un técnico británico e sete adestradores máis”. 

O Burela Basket Pro está organizado polo Ensino Lugo, a Asociación Deportiva e cultural Drocer, o CB Burela, cunha máxima implicación do Concello de Burela e da Fundación Indecum. Está patrocinado pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte e Xacobeo; e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo.