Burela celebra as Letras Galegas cunha obra de teatro o 15 de maio para coñecer a figura do autor homenaxeado.

O Domingo 15 de Maio ás 19:00 horas dentro do programa de dinamización lingüística #FalaRedes será representado na Casa da Cultura de Burela "Tras os vieiros de Florencio", espectáculo da compañía Fantoches Baj que mostra a traxectoria, a obra e máis a poética do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas: Florencio Delgado Gurriarán. 

Esta peza de teatro de obxectos dirixida preferentemente a público adolescente e adulto parte dun documento excepcional sobre a vida do poeta valdeorrés, que é a longa entrevista que él lle concedeu a Dolores Pla en Agosto de 1979 na súa casa de Guadalaxara (México) para o "Archivo de la Palabra". Os textos desta entrevista mestúranse en "Tras os vieiros de Florencio" cos poemas do autor, os cales xiran arredor de tres eixes: poesía galeguista, poesía festiva e paisaxística e poesía intimista.

No espectáculo ten moita importancia a banda sonora, creada a partir de temas tradicionais que gravou o guitarrista Antonio Bravo, especialista no Cancioneiro Galego de Jesús Bal y Gay.

Sinopse: 
Na década dos 60, logo duns días exercendo de visitador farmacéutico pola contorna de Guadalaxara, Florencio Delgado Gurriarán chega á casa canso, cheo de sede e cargado co seu maletín. Ante a presenza inesperada dos espectadores describe o seu día a día de axente comercial pola rexión. Pouco a pouco, axudándose dos elementos que leva no maletín e embargado pola saudade, van aflorando as lembranzas do seu Córgomo natal, a guerra, a chegada ao seu país de acollida e algúns momentos festivos.
A entrada será libre.