
O Concello de Burela continúa coa programación do Orgullo de Vila coa celebración dun Bingo Musical conducido por Marisa Prisa, que terá lugar este xoves, 2 de xullo, a partir das 19.00 horas na Praza do Concello. “A actividade propón unha tarde de música, diversión e convivencia na que as persoas participantes poderán poñer a proba os seus coñecementos musicais, cantar, bailar e compartir unha xornada festiva arredor da diversidade e da liberdade de ser e amar”, anuncia o Concello de Burela, que engade: “durante o Bingo Musical tamén se realizarán sorteos especiais, entre os que se inclúen tickets para The Burguer Top e unha entrada para o Festival Osa do Mar. Trátase dunha actividade gratuíta e aberta a toda a veciñanza, integrada na programación municipal do Orgullo baixo o lema Ser quen somos, amar como sentimos”.
O Concello de Burela anima á cidadanía a participar nesta “proposta lúdica e reivindicativa, pensada para celebrar a diversidade, fomentar o respecto e visibilizar unha vila aberta, libre e inclusiva”.


