Burela celebrará as súas festas patronais do 27 de maio ao 7 de xuño con infinidade de actividades.

As festas patronais de Burela na honra da Virxe do Carme e San Xoan Bautista darán comezo o 27 de maio coa estrea do alumeado festivo e a baixada da Vila do Medio. Ás 21:00 horas celebrarase a misa na honra da Virxe do Carme e a procesión desde a Igrexa da Vila do Medio ata a parroquial acompañada da Banda de Gaitas Dambara.

O sábado 28 ás 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura Antonina Semedo pronunciará o pregón das festas. O domingo 29 ás 13:30 horas, na rúa do Hórreo, haberá unha actuación de Acordeonistas da Marinha. O martes 31 ás 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura proxectarase o documental de Paco Salgueiro titulado Burela: referentes do lecer no século XX.

O día 1 de xuño ás 20:30 horas no Auditorio da Casa da Cultura terá lugar o Gran Karaoke Infantil e Xuvenil. O xoves 2 de xuño ás 21:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura celebrarase o Gran Karaoke Senior. O venres 3 de xuño ás 23:00 horas haberá verbena coas orquestras Saúdade e América.

O sábado 4 de xuño confeccionarase a alfombra de flores desde a igrexa parroquial ata o porto. Ás 11:00 horas haberá pasarrúas e ás 14:00 horas sesión vermú. Ás 20:00 horas na Praza do Concello dará comezo o concerto da Agrupación Musical Santo Inocencio de Burela e da Banda de Música de Foz. Ás 21:00 horas celebrarase a misa na igrexa parroquial coa procesión da baixada ao porto e posterior espectáculo de artificios de pólvora. Ás 23:00 horas haberá verbena coas orquestras La Dimensión e Salvaje.

O domingo 5 de xuño, ás 12:00 horas, terá lugar a misa no porto e a procesión marítima. Ás 14:00 horas haberá sesión vermú e ás 22:30 horas verbena coas orquestras Ritmo Joven e El Combo Dominicano. O luns 6 ás 12:00 horas será a procesión de subida desde o porto ata a igrexa parroquial onde haberá misa cantada. Ás 22:30 horas dará comezo a verbena coas orquestras Solara e Panorama. 

E o martes 7 ás 12:00 horas no porto de Burela terá lugar a cerimonia da ofrenda floral á Virxe do Carme.