Burela estará presente en Xantar en Ourense. O Concello pon un autobús para que a veciñanza se desplace o 5 de novembro.

Burela estará presente na feira de turismo gastronómico Xantar, que terá lugar en Ourense desde mañá, mércores. O venres o alcalde participará nun acto con motivo da celebración do día do mar e haberá unha degustación gastronómica. O Concello porá un autobús con 48 prazas dispoñibles, para que os veciños e veciñas de Burela que o venres se queiran desprazar ata Xantar o poidan facer. Para poder viaxar deben inscribirse no Concello.

O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, anunciou que “a partir do mércores o Concello de Burela vai estar presente na feira de turismo gastronómico Xantar en Ourense. Como todos os anos, imos ter o noso stand alí onde imos promocionar Burela e, ademais este ano, imos contar tamén coa colaboración de Conservas Faro de Burela, que vai expoñer parte dos seus produtos e vai facer unha degustación relacionada co mar de Burela”.

O edil burelés sinalou que “ao igual que na última edición á que puidemos ir antes da pandemia, imos poñer un autobús. Sairá o venres ás nove da mañá da estación de autobuses con dirección Ourense para todos os veciños e veciñas que queiran asistir á feira, participar na degustación e no acto que vai ter o alcalde de Burela con motivo do día do mar, onde vai ter unha intervención. As persoas que estean interesadas en asistir poden dirixirse ao Concello, preguntar por Cristina, e apuntarse para poder ter unha praza nese autobús que temos limitado a 48 prazas. Darémoslles unha invitación para entrar á feira e alí pasaremos o día todos xuntos.”. E lembrou que “a última vez que foron a xente volveu contenta e nosoutros tamén contentos de que a xente estea en Ourense”.

Ramiro Fernández subliñou que “é unha feira que nos gusta, que nos resulta atractiva, sobre todo atinxe á zona sur de Galicia e ao norte de Portugal e penso que para Burela pode ser interesante”.