Burela estrea un concurso de pesca xuvenil o sábado 22 de agosto

Burela celebrará o sábado 22 de agosto o I Concurso de Pesca Xuvenil, unha nova iniciativa da Asociación de Pesca Recreativa de Burela que conta coa colaboración do Concello de Burela e da Fundación Expomar. A actividade desenvolverase entre as 16:00 e as 18:00 horas no espigón da lonxa e está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, “co obxectivo de incorporar ós máis novos a unha actividade estreitamente vinculada coa tradición e coa cultura marítima de Burela”.

O Concello de Burela explica que o gañador ou gañadora será o participante que consiga o maior número de capturas, sen que o tamaño determine a clasificación, e no caso de empate, decidirase segundo o peso das capturas. As pezas que non dean a talla deberán ser devoltas ao mar, de acordo co establecido nas bases da convocatoria. Os tres primeiros clasificados recibirán un trofeo e un premio sorpresa, mentres que todos os demais participantes serán agasallados cunha medalla. A asociación organizadora encargarse tamén de facilitar o material necesario para participar.

O concelleiro de Mar, Ramiro Fernández, destaca que esta primeira edición do concurso “supón unha maneira de achegar a pesca aos máis pequenos e de facer que descubran desde idades temperás unha actividade que forma parte da nosa relación co mar. En Burela falamos moito da importancia de manter viva a nosa cultura marítima e de transmitir ás novas xeracións o vínculo que temos co mar. Iniciativas como esta permiten facelo desde a participación e dun xeito pensado especificamente para os nenos e nenas”.

A inscrición xa está aberta a través do enderezo asociacionpescarecreativaburel@gmail.com. Para participar será necesario indicar os datos do menor e da persoa adulta que o acompañará, incluíndo nome, apelidos e DNI desta última, así como a relación do menor coa Asociación, xa que terá prioridade a rapazada con familiares directos dos socios, e un teléfono de contacto.