Burela prepárase para o San Xoán Castrexo o 23 de xuño, ao que seguirá a décima edición desta festa de recreación o día 24.

Burela celebrará este venres por segundo ano consecutivo a noite do San Xoan Castrexo con unha festa organizada pola Asociación Burela Castrexa, que tamén se encarga dos actos conmemorativos da “X Festa Castrexa”.

A noite de San Xoan celebrarase con unha parrillada popular a carón da praza do Concello, con sardiñada e churrascada ao prezo de 10 euros cada ración. A venda anticipada dos tickets remata este mércores 21 de xuño ao prezo reducido de 8 euros cada ración, e pódense adquirir en Gráficas Arfe, Perruquería Campón, Suministros Rol e Óptica Afflelou Burela.

A programación do venres de San Xoán comeza ás 20:30h co concerto gratuíto de “A Banda da Loba” na praza do Concello, e rematará de madrugada coa actuación da Orquesta Origen e de Dj Litainer.

Para amenizar a cea celebrarase unha “Foliada Castrexa” na que intervirán representantes dos grupos locais de Ledicia, Dambara e Arume. Logo da tradicional fogueira de San Xoan para espantar os malos espíritos tamén se celebrará unha Queimada Popular na praza, que se servirá gratuitamente, pero só nas “tazas castrexas oficiais”, que se poderán comprar na caseta da asociación durante por 5 euros, así como previamente no resto de puntos de venda.

Durante a xornada do sábado 24 de xuño terá lugar a celebración da “X Festa Castrexa”, que se concentra en diferentes puntos da vila. A praia de Portelo acollerá desde as 11 da mañá unha nova edición dos “Xogos Castrexos”, convertidos nunha auténtica “Guerra de Clans”.

Unha vez rematados os xogos, os clans castrexos desfilarán xuntos desde a praia ata a praza do Concello para celebrar a sesión vermú, onde se entregarán os premios para os clans e personaxes mellor caracterizados.

Despois dunha parada para degustar os “Xantares Castrexos” na hostalería local, pola tarde volverá ter lugar unha nova edición da “Busca do Torques”, trala xuntanza dos clans na praza do Concello ás 18h.

Este ano tamén se teñen programadas actividades, xogos, obradoiros e ludoteca para os castrexos máis peques na praza durante a tarde. Desde o venres a mediodía tamén estará aberto o “Mercado Catrexo”, que une con diferentes postos de artesanía as prazas do Concello e da Mariña, onde estarán ubicadas diferente atraccións xuvenís.

Pola noite celebrarase a cerimonia das “Vodas Castrexas” na praza do Concello, onde participarán tódalas parellas previamente inscritas. A continuación terá lugar un espectáculo de lume a cargo de “Manos de Fuego”.

A música volverá ter un papel protagonista durante o sábado, desde os pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas Dambara, ata a actuación de Fanfarria Taquikardia abrindo o desfile de clans, e as actuacións da orquesta “Unión y Fuerza” e disco “The Sound Project”, que pecharán con unha gran noite de festa esta edición da Festa Castrexa de Burela.