Burela presentará o 15 de xullo a Feira do Bonito 2022 na localidade catalana de Montmeló.

Burela estreará este ano 2022 o recente nomeamento da Feira do Bonito como de Interese Turístico Nacional. Nunha aposta decidida por continuar coa súa promoción, organizadores e Concello realizarán a presentación desta cita gastronómica e cultural nas instalacións do coñecido circuíto de Montmeló.

Ata esta localidade catalá desprazarase unha delegación encabezada polo alcalde de Burela, Alfredo Llano, acompañado dun grupo de veteranos do mar e a cronista oficial do concello, Herminia Pernas, co obxectivo de presentar a Feira do Bonito que terá lugar o primeiro fin de semana de agosto, así como dar a coñecer neste lugar todos os atractivos turísticos cos que conta Burela.

Segundo afirmou o alcalde, “existe unha vinculación entre os dous municipios pola industria da cerámica que foi moi representativa aquí en Burela a través da fábrica de Gres, e que tamén tivo presenza en Montmeló, impulsada pola familia Cucurny”, explicou Llano. “Tanto é así que no ano 2020 realizáronse unhas xornadas para analizar o pasado de ambas industrias, polo que nos pareceu o lugar idóneo para presentar e dar visibilidade á nosa Feira do Bonito, que exerce por primeiro ano a declaración como Feira de Interese Turístico Nacional despois de moitísimo traballo para conseguilo”.

Co fin de seguir esta senda de promoción, o venres 15 de xullo farán a presentación nas instalacións do circuíto de Montmeló ás 18 horas, expoñendo o programa da feira e todas as actividades que se porán en marcha ao redor deste produto emblema da gastronomía burelesa. 

“Estamos moi agradecidos porque nos deran a oportunidade de facer alí a presentación, facilitando todo o traballo e poñendo todos os seus medios á nosa disposición”, informou o rexedor, engadindo que “agardamos estreitar a relación para poder incluso concretar proxectos a futuro entre Burela e Montmeló”.

Desde o Concello levarán material diverso con información turística da gastronomía, patrimonio, historia e cultura non só da localidade senón tamén de toda a comarca da Mariña, convidando ás persoas que asistan á presentación a que visiten Burela e todo o litoral da mariña lucense.