
Para Mamá con ACISA é a campaña que a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo está a desenvolver ata o 5 de maio. Acisa sorteará tres premios: dúas visitas guiadas a Bodegas Docampo, en Ribadavia, para dúas persoas con aloxamento dunha noite no seu Hotel Pazo Carballo, e un conxunto de colar e pendentes, creación de Mon Castro para Terra Branca.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliña que “para agasallar nesta data poden atopar todo o que precisan nos negocios de Ribadeo, que agardan contar coa fidelidade da súa clientela unha vez máis. Para sorprender ás mamás na nosa vila temos de todo, xunto a un trato personalizado e próximo e tamén asesoramento. E na hostalería local poderán celebralo en familia como se merece”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “as persoas que realicen as súas compras entre o 23 de abril e o 5 de maio poden cubrir as papeletas para entrar no sorteo do Día da Nai. Son 10.000 as papeletas repartidas e é a primeira campaña na que participan os negocios da Praza de Abastos de Ribadeo, recentemente adheridos á nosa asociación”.
O sorteo non presencial terá lugar o día 7 de maio nas instalacións de Acisa, que agradece o apoio das empresas colaboradoras: “grazas a Bodegas Docampo e a Terra Branca, que nos doan estes importantes premios para a campaña do Día da Nai de Acisa, que as persoas afortunadas poderán desfrutar segundo as condicións marcadas por cada establecemento”.
A campaña do Día da Nai de Acisa Ribadeo conta coa colaboración de Comercio Galego e a Xunta de Galicia.
Ademais Acisa recorda que no comercio ribadense segue tamén a campaña dos Días Azuis, organizada pola Federación de Comercio Galego en colaboración coa Xunta e as asociacións locais, que ten lugar ata o 30 de abril. En total póñense en xogo 20.000 euros repartidos en 44 tarxetas prepago de 250 euros e 60 tarxetas de 150 euros. Para poder acadar algún dos premios a clientela de Ribadeo o único que ten que facer é rexistrar as compras destes días na web www.diasazuis.com.


