Caramuxo Teatro chega a Viveiro o 4 de novembro co Crisálida. Trátase dun espectáculo para todos os públicos

Caramuxo Teatro chega a Viveiro o 4 de novembro co Crisálida. Será ás 18:00 horas no Pastor Díaz. Trátase dun espectáculo para todos os públicos

Desde a organización subliñan que “está clasificado coma función para maiores de 6 anos, pero realmente é un espectáculo para todos os públicos, non  o perdades”.

Crisálida é o espectáculo número 25 de Caramuxo Teatro, co que cumpren 20 anos de traxectoria. “Unha historia que leva varios anos na nosa cabeza e coa que queremos facer a nosa pequena homenaxe a esas persoas que fan que as cidades teñan vida e sexan ricas en historias”, explican desde esta compañía.

Crisálida é un espectáculo que quere poñer en valor a importancia do comercio tradicional nun mundo globalizado e cada vez máis dixitalizado. A importancia da existencia de eses espazos que crean comunidade.

Crisálida é o espectáculo máis ambicioso da compañía. Unha montaxe de máscaras, sen texto, con catro actores (Laura Sarasola, Josito Porto, Juan Rodríguez e Anahí Taraburelli) e máis de 12 personaxes. Dirixido pola prestixiosa directora Olga Margallo (Gañadora de multitude de premios Fetén, premios Max, Premio Nacional con Uroc teatro...)

Desde Caramuxo engaden que “historias como as da mercería Crisálida amósannos que este tipo de negocios, máis baseados nas relacións humanas que no beneficio económico, deben ser protexidos. Son parte do noso patrimonio e por iso, no 20 aniversario queremos celebralo con eles”.