A carreira popular Run Foz Run terá lugar o 6 de agosto. Xa conta con 600 inscritos. Organiza: Clun Atletismo Ría de Foz e colabora o Concello.

O club de atletismo Ría de Foz organiza este domingo, 6 de agosto, a novena carreira popular Run Foz Run, que conta colaboración do Concello de Foz. A saída será desde o patio do colexio Martínez Otero a partires das 10:00 horas e ás 11:00 dará comezo a proba na categoría absoluta. Na presentación do evento participou o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira.

O presidente do club de atletismo Ría de Foz, Manuel Eiras, explicou que “este ano temos establecido que o día 5 haxa unha feira do corredor, a que esperemos que asista bastante xente; é un novo experimento que facemos. Dispoñemos de cinco casetas con varias empresas e diferentes tipos de actividades para esa tarde. O patio do colexio abrirase ás cinco da tarde ata as nove da noite, a xente xa poderá recoller alí os dorsais e excepcionalmente abrimos as inscricións presenciais ese día”.

Manuel Eiras engadiu que “o día 6, a partir das nove da mañá, ábrense as portas do colexio Martínez Otero e empézanse a entregar os dorsais. Ás dez comezan as carreiras, empezan os pícaros, seguidos de benxamíns, alevíns, infantís e cadetes. A carreira raíña, na categoría absoluta, será ás once da mañá cun recorrido de sete quilómetros. Esperamos unha boa afluencia de xente. Xa superamos os 600 inscritos e intentaremos chegar á cifra dos 800 ou incluso os 1.000 inscritos”.