A Casa da Cultura de Burela acolle ata o 29 de setembro a exposición da Aula do Mar de A Mariña.

Foi inaugurada a exposición da Aula do Mar de A Mariña na sala de Arte da Casa da Cultura do Concello de Burela.

A Aula do Mar, a primeira inclusiva de toda Galicia, é un proxecto de Integración Social para persoas con enfermidade mental crónica que está subvencionada a través do GALP A Mariña-Ortegal, da Consellería do Mar, dentro do marco do Fondo Marítimo de Pesca (FEMP).

Para esta actividade, que redunda tan positivamente na autoestima das usuarias e usuarios da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, cóntase coa colaboración do Concello de Burela a través da Delegación de Cultura, Educación e Xuventude, “a quen queremos agradecerlle a súa empatía e compromiso coa nosa entidade. Non había máis que ver as caras de ledicia e felicidade dos usuarios e usuarias por amosar os traballos que durante este tempo estiveron a facer con tanto agarimo. Moitas grazas a todas as persoas que nos acompañaron neste día tan importante”, sinalan desde a asociación A Mariña. 

A exposición pode visitarse de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas no mes de agosto e de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20.00 horas no mes de setembro (ata o día 29).