A Casa da Cultura de Foz acolle o 4 de setembro a presentación dun novo volume da revista Nova Ardentía, no que se publica un artigo sobre o focense Damián López.

Este venres, día 4, na Casa da Cultura Manuel María, de Foz, farase a presentación do volume 12 da revista Nova Ardentía. Nela vai un artigo que estuda o imperio industrial de Damián López Ferrería (DALO), autoría dos investigadores Xosé María Leal Bóveda e Xoán Ramón Fernández Pacios. Esta presentación, organizada pola Delegación de Cultura do Concello de Foz, terá lugar ás 20 horas.

O acto contará coa presenza do alcalde focense, Fran Cajoto, que presentará e moderará o evento, no que participarán dous dos coordinadores da revista, Emilio Ínsua e Francisco Fernández Rei, que darán a coñecer a historia da revista e  resumirán os artigos cos que conta este número. A continuación os autores falarán do papel que o imperio industrial de Damián López xogou no mundo conserveiro, tanto a nivel galego como español, da vida e personalidade deste industrial e dos problemas que existen para achegarse a unha investigación rigorosa sobre este tema. 

Ao final da presentación pasaranse unha serie de fotografías das industrias de Damián López, reunións deste con amigos, retazos da súa vida íntima e dos barcos da súa propiedade, moitas delas xa coñecidas pero outras non tanto xa que forman parte da colección fotográfica da familia Telenti, que cedeu altruistamente para este evento.

Neste acto quérese poñer o foco sobre a figura do gran industrial focego do século XX, natural da parroquia de Vilaronte, con fábricas de conservas en Foz, serradoiros en Vilaronte, armador de buques de cabotaxe e barcos de pesca, ademais da súa presenza comercial en Asturias. Antes de rematar a presentación haberá un tempo para preguntas por parte do público e para falar dos seus recordos sobre as industrias de Damián López.

O acto é de aceso libre e gratuíto ata cubrir aforo.