A Casa da Ría, en Ribadeo, acollerá o 18 de marzo unha xornada participativa para "Salvar a abella".

O Concello de Ribadeo e asociación Os Abelleiros fan un chamamento á poboación para asistir a unha xornada participativa co obxecto de Salvar a Abella e a biodiversidade.

Segundo explican desde o Concello “o fin desta xornada, é intentar minimizar o impacto da avespa velutina en Ribadeo e as súas parroquias, para elo se construirán e colocarán trampas co fin de atrapar ás reinas fundadoras, que son as que escollen os lugares onde fundar novos niños cada primavera”. 

A participación está aberta a todas as persoas que desexen colaborar coa loita contra a avespa velutina (familias, nen@s, asociacións etc…). Canta máis xente asista mellor “porque iso fará posible chegar a unha maior cantidade de puntos e con el capturar un maior número de reinas”. 

Esta cita terá lugar na Casa da Ría o vindeiro sábado, 18 de marzo, ás 15:30 horas. Será a organización a que levará material de refugallo, botellas e outros obxectos para a construción de trampas. 

Durante a xornada amosárase como construír trampas  e líquido atraínte caseiro para despois colocalas en puntos estratéxicos como os  lugares onde se atoparon niños na temporada pasada, e onde hai abellas como son regatos, núcleos de poboación, colmeas, etc… 

A organización quere salientar que “quizais o máis importante desta xornada é o momento posterior, isto é o seguimento e control da trampa (encher con liquido atraínte e retirada de avespas velutinas durante a campaña). E para isto facemos un chamamento a que a xente apadriñe unha trampa e que cada quén se faga responsable do seu seguimento. Unha vez que remate a campaña sortearase entre os colaboradores do apadriñamento un agasallo”. 

Ademais desta xornada comunitaria e dentro do  plan contra a loita da avespa velutina establecerase un protocolo de seguimento dos niños colocados así como un protocolo de actuación ante o caso de que calquera/a veciño/a atope un niño de avespa velutina chame inmediatamente a un dos seguintes teléfonos: Protección Civil 659 94 21 59; concelleiro de Medio Rural, Vicente Castro 629 29 09 13; Marcos da asociación Os Abelleiros 626 61 51 13  ou mesmo ao 112.