Catro agrupacións participarán o 23 de xullo en Ribadeo no I Festival Tradicional Seráns Musicais, financiado pola Deputación de Lugo.

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, e o Concelleiro de Cultura de Ribadeo, Xosé Farruco Graña Rama, presentaron este luns nos xardíns do Pazo de San Marcos, o I Festival Tradicional de Ribadeo Seráns Musicais,que organiza a Asociación Cultural Ronqueta e que terá lugar o vindeiro 23 de xullo no parque de San Francisco, de dito municipio. O Goberno da Deputación financia integramente con 8.000 euros este certame musical.

García Porto destacou que “dende o Executivo Provincialcolaboramos con esta primeira edición do festival co obxectivo de impulsar a música e o baile tradicional galego, ao tempo que dinamizamos a economía e o turismo da Mariña, pois espérase que participen centos de persoas. Esta iniciativa enmárcase na aposta do Goberno da Deputación coa cultura na nosa provincia, pois achegamos gratuitamente a todos os veciños, programacións musicais de todo tipo de xéneros, como o Festival de Blues, o Lugo Ágora Son ou o MusicAD, estimulando e activando a vida dos nosos municipios, especialmente no rural lugués”.

A programación desta primeira edición do Festival Tradicional de Ribadeo Seráns Musicaiscontará con pasarrúas por distintos puntos do Concellos de Ribadeo, ata chegar ao parque de San Francisco, onde dará comezo as actuacións musicais da Asociación Amigos da Gaita, A.F. O Arco da Vella, Banda de Gaitas de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, Grupo de Gaitas da EMMeD.