Cento oito establecementos comerciais e hostaleiros de Ribadeo se adheriron á campaña das Panchas, que se desenvolverá do 9 de outubro ao 1 de decembro.

Máis dun cento de establecementos comerciais e hostaleiros de Ribadeo se adheriron á Pancha, a nosa moeda local, que dará comezo mañá, 9 de novembro. A campaña está organizada polo Concello en colaboración con Acisa, a Deputación de Lugo e Abanca. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Economía e Turismo, Pablo Vizoso, amósase satisfeito pola alta participación: “neste segunda edición son 108 os locais nos que poderemos consumir as panchas desde mañá, venres, ata o 1 de decembro. A cifra indícanos a boa acollida que a campaña está a ter no tecido comercial e hostaleiro de Ribadeo. Na primeira edición participaron algo máis de 80 establecementos e nesta segunda o incremento é notable e importante”. 

O edil ribadense subliña que “o obxectivo da Pancha é dinamizar a economía local e dar liquidez aos sectores máis afectados pola crise sanitaria da Covid19”. E lembra que “unha das novidades deste 2020 é que a pancha tamén poderá empregarse na hostalería, ademais de no comercio e no sector servizos. Outra das novidades é que a campaña este ano estará en marcha durante preto de dous meses, de outubro a decembro. E serán 150.000 euros os que moverán en volume de negocio cos 3.700 packs de panchas que se poderán canxear desde mañá mesmo na oficina de Abanca, en Ribadeo, en horario de 8:15 a 14:15 horas de luns a venres”.

Vizoso Galdo explica que “con esta proposta por cada 30 euros as persoas interesadas reciben 40 panchas en moeda local para gastar, para consumir nos locais participantes. Eses 10 euros que se aforran son subvencionados polo Concello de Ribadeo. Neste esforzo por manter vivos os nosos establecementos o Concello aportará 37.000 euros, case tres veces máis que na edición anterior”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local indicou que “poderanse adquirir un máximo de 3 packs de moeda local por persoa, acreditado co DNI orixinal. Cada persoa poderá levar un máximo de catro DNIs orixinais doutras persoas. Poderanse acumular un máximo de 2 packs de moeda local por compra. Se o importe é maior de 80 panchas o resto da compra deberá abonarse en euros. Todos os detalles da campaña así coma o listado dos locais participantes atópanse na web panchamoedalocal.ribadeo.org”. E dixo que “todos os locais adheridos á Pancha están perfectamente identificados”. 

Pablo Vizoso anima “á veciñanza de Ribadeo, da súa contorna, ás veciñas e veciños da Mariña e do Occidente asturiano a aproveitar esta campaña para facer as súas compras de tempada no comercio local e para vir disfrutar da exquisita gastronomía que atoparán na hostalería ribadense”. 

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinalou: “desde Acisa Ribadeo estamos moi satisfeitos do número de establecementos participantes, xa que dos 108 negocios que estarán na campaña un total de 74 son socios e socias nosos, o que representa o 70% do total. Esta cifra fala moi ben da implicación da asociación nesta iniciativa, que consideramos que será moi positiva para a economía local”. 

Pérez Prada dixo que “ao longo destes días fixemos unha labor importante de visita aos socios para explicarlles a campaña así como as vantaxes que lles suporá e tamén lles axudamos a adherirse”. 

O xerente do colectivo empresarial tamén quere animar “á cidadanía a participar nesta campaña. Hai unha oferta moi ampla de negocios de todos os sectores: moda para muller, home, para nenos e nenas, de bebés; calzado; deportes; electrónica; telefonía; estética; así coma bares e restaurantes”. E insistiu na importancia de facerse coas Panchas: “queremos lembrarlles aos veciños e veciñas da Mariña e de Asturias que eles tamén poden disfrutar da nosa moeda local. Poden achegarse a Ribadeo de luns a venres pola mañá a canxear 30 euros por 40 panchas e aqueles que non poidan vir poden mandar a algún familiar ou amigo co seu DNI para adquirilas no seu nome e así aproveitalas durante a fin de semana. Iso pensamos que é moi importante”.