Cervo acollerá do 2 ao 4 de marzo o Campionato Galego de Natación Junior e Infantil de Inverno. Competirán 331 nadadores de 25 clubs.

O Concello de Cervo acollerá esta fin de semana e por terceiro ano consecutivo, o Campionato Galego de Natación de Inverno nas categorías Júnior e Infantil, que se disputará o 2, 3 e 4 de marzo na Piscina Municipal Olímpica de Lieiro.

Na presentación da proba participaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de deportes, José Ramón Soto, o secretario da Federación Galega de Natación, Ramón Mosquera, o xefe do servizo provincial de Deportes, Manuel Otero, o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e o presidente do Club  Natación Xove, Bernardo Rouco.
No campionato, organizado polo Concello de Cervo, en colaboración co CN Xove e a Federación Galega de Natación, participarán 331 nadadores, pertencentes a 25 clubs galegos.

O alcalde, Alfonso Villares, significou a importancia que ten para Cervo “acoller e organizar unha competición deste nivel, que supón un escaparate de primeira orde, xa que prevemos que máis de 1000 persoas visitarán o noso municipio ao longo de toda a fin de semana, entre nadadores, público, adestradores e delegados, e estimamos polo tanto, que a ocupación hostaleira no municipio rondará o 100%”. 

Así mesmo, Villares sinalou que “en Cervo temos o privilexio de contar cunha piscina municipal olímpica, de 50 metros e 8 pistas, única destas características en toda a 
provincia de Lugo, e das poucas que hai en Galicia, o que a convirte na mellor das instalacións para acoller un evento deportivo desta categoría”.

Villares rematou convidando a todo o mundo a acudir a Cervo nunha fin de semana na que “poderán gozar, de xeito gratuíto, dun evento deportivo que contará coas mellores promesas da natación galega, ao tempo que poderán coñecer os atractivos culturais, gastronómicos e paisaxísticos de todo o Concello”.

A competición terá lugar en tres xornadas, en sesión de mañá e tarde, agás o venres, cunha sesión só de tarde.

As categorías son Júnior masculino e feminino, Infantil masculino e feminino; e nadadores con discapacidade funcional e/ou visual das anteriores categorías.

A participación está aberta a todos os nadadores que acrediten ter realizadas as marcas mínimas asignadas. Para os deportistas con discapacidade funcional e/ou visual haberá unha soa marca mínima.

Cada nadador poderá participar como máximo en catro probas individuais en todo o Campionato e nas remudas.