Cervo acollerá a III Mini BTT Medela MTB o sábado 12 de setembro

O municipio de Cervo será o escenario da III Mini BTT Medela MTB, unha cita deportiva que se celebrará o vindeiro sábado 12 de setembro no Polígono de Cuíña e que reunirá as categorías máis novas do ciclismo de montaña.

A presentación da proba correu a cargo da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, que estivo acompañada por varias das crianzas que forman parte do Medela MTB, club responsable da organización da proba, coa colaboración do Concello de Cervo.

O Concello de Cervo explica que “o evento está incluído no calendario oficial da Federación Galega de Ciclismo 2026, dentro da modalidade de Mini BTT (H.3A), e desenvolverase na parcela 59 do Polígono de Cuiña, un espazo de titularidade municipal que foi cedido polo Concello de Cervo ao Medela MTB para o desenvolvemento da actividade deportiva do club. A competición está aberta ás categorías Promesa Feminina, Promesa B, Promesa A, Principiante Feminina, Principiante B, Principiante A, Infantil Feminina, Infantil, Benxamín Feminina, Benxamín, Alevín Feminina e Alevín, facendo da proba unha auténtica festa do ciclismo de base. A saída da competición está prevista para as 14:30 horas”.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, quixo poñer en valor a implicación do Medela MTB na promoción do deporte entre as crianzas e a súa aposta por achegar o ciclismo de montaña ás novas xeracións: “é importante recoñecer o compromiso das familias, das crianzas, do club e de todas as persoas que colaboran para que esta xornada sexa posible. O deporte de base necesita ese apoio colectivo e desde o Concello imos seguir acompañándoo”.

A rexedora destacou así mesmo que “para Cervo é unha satisfacción volver acoller unha proba destas características, que pon no centro ás nosas crianzas e o deporte de base. Detrás de cada bicicleta hai ilusión, esforzo, compañeirismo e moitas horas de traballo, e queremos que o noso concello siga sendo un lugar no que as nenas e nenos poidan medrar practicando deporte e gozando da nosa contorna”.

O Concello de Cervo destaca que a xornada “pretende converter o Polígono de Cuiña nun punto de encontro para as familias e para as novas promesas do ciclismo galego, nunha cita na que competición e diversión irán da man”.

A proba conta cun límite de 300 participantes e as inscricións deben realizarse a través do formulario habilitado pola Federación Galega de Ciclismo. O importe é de 0 euros para as persoas federadas e 15 euros para as non federadas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o xoves 10 de setembro ás 15:00 horas,ou ata completar o límite de participantes. Toda a información e o formulario de inscrición están dispoñibles na páxina oficial da Federación Galega de Ciclismo.