Cervo acollerá o XIII Campionato Galego de Nihon Tai-Jitsu o 11 de xuño no que se darán cita 40 competidores.

O Concello de Cervo, en colaboración coa Federación Galega de Kárate, acollerá o XIII Campionato Galego de Nihon Tai-jitsu o vindeiro sábado, 11 de xuño. 

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o edil de Deportes, David Rodríguez, presentaron o evento acompañados do director do departamento de Taijitsu da Federación Galega de Kárate, Miguel Ángel Rojo, veciño tamén do municipio.

Tal e como explicou o rexedor “dende o Concello tentamos diversificar toda a actividade deportiva que programamos, tentando dar cabida a un gran número de disciplinas, aproveitando as privilexiadas instalacións das que dispoñemos, como neste caso é o complexo deportivo da Veiga”.

Rodríguez e Villares incidiron en que o que “pretendemos dende o Concello é achegar a veciños e visitantes esta arte marcial de orixe xaponesa, que chegou a Galicia pola Mariña vai case trinta anos, da man deste mestre que é, ademais, veciño noso”.

A representación mariñana estará conformada por uns 20 participantes, uns 40 en total, que competirán nas modalidades de kata e Goshin Sobu nas categorías infantil, benxamín, xuvenil e sénior.

A proba disputarase a partir das 17:00 horas no Pavillón da Veiga.

Haberá trofeos e medallas para os tres mellores de cada categoría.