
O Concello de Ribadeo, coa colaboración da Xunta de Galicia, Acisa e a Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo impulsa o proxecto Gastropraza, unha iniciativa de dinamización da Praza de Abastos que busca poñer en valor o produto local, a hostalaría e o comercio de proximidade a través dun completo programa de actividades gastronómicas, educativas e divulgativas. A primeira delas será este sábado, 18 de abril, a partir das 12:00 horas. O protagonista será o tofu natural.
A iniciativa, que naceu hai un ano, terá continuidade ao longo dos vindeiros meses, convertendo a Praza de Abastos nun espazo vivo de encontro, aprendizaxe e degustación, onde se levarán cabo actividades para estudantes, degustacións e obradoiros onde se poderán aprender e poñer en práctica estilos e receitas de cociña centradas no produto de proximidade e de calidade.
Entre as actividades programadas para este ano inclúense degustacións e obradoiros centrados en distintos produtos e estilos de cociña, coma un curso de elaboración de pan, outro de elaboración de queixos, un curso de cociña indiana e obradoiros de saúde alimentaria e nutrición.
Ademais, o programa incorpora actividades educativas dirixidas a centros escolares, co obxectivo de fomentar hábitos alimentarios saudables e achegar o alumnado ao produto de proximidade.
Concello e Acisa destacan que “o obxectivo é transformar a Praza de Abastos nun lugar vivo no que non só se compre produto fresco, senón tamén onde se elabore, se deguste e se poña en valor o traballo dos praceiros e produtores locais, reforzando así o tecido económico e social da vila”.
Gastropraza comeza este mesmo sábado, ás 12 da mañá, cun obradoiro sobre método de elaboración e receitas con tofu natural, un produto artesanal dirixido a todo tipo de público.
Na presentación da Gastropraza participaron o alcalde, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez.


