A Concellería de Igualdade de Burela súmase á folga convocada para o 8 de marzo e fai un chamamento ás mulleres para que se unan.

A Concellería de Igualdade súmase á folga convocada para mañá, 8 de marzo, Día Internacional da Muller e invita ao resto das mulleres a que nun día tan significativo tomen conciencia da importancia que ten amosar o valor do papel da muller na sociedade.

A concelleira de Igualdade, Patricia Otero, salienta que “se trata de visibilizar o feito de que constituímos o 50% da poboación mundial e procurar que se valore o noso traballo e contribución á sociedade”.

O Concello de Burela organiza nesta xornada reivindicativa como único acto a lectura dun manifesto, que terá lugar na Praza da Mariña ás 12:00 da mañá. 

A Concellería de Igualdade e Servizos Sociais, a través do Centro de Información ás Mulleres, xa levou a cabo actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller. Durante o mes de febreiro desenvolveu unhas Xornadas de Defensa Persoal e Protección contra a Violencia de Xénero, que tiveron lugar os mércores.

A programación, con motivo da celebración do 8 de marzo, continúa neste mes, e o vindeiro sábado a asociación de amas de casa Praia da Marosa organiza un xantar que terá lugar ás 14:00 horas. Previamente, ás 13:00 horas, asistirán a unha misa.

Tamén o sábado, 10 de marzo, no auditorio da Casa da Cultura, ás 20:00 horas a actriz Estíbaliz Veiga presentará o monólogo Golpes sobre a violencia machista. A entrada é gratuíta.