A Deputación de Lugo difundirá este 8M historias de mulleres traballadoras da provincia cunha campaña audiovisual.

A Deputación de Lugo lanzará nas redes sociais unha campaña audiovisual de sensibilización e visibilización do papel da muller no mundo laboral con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Así o informa a Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, que avanza que este ano a institución provincial centrará a súa programación nos medios dixitais e prolongará as actividades ao longo de todo o mes.

A campañaconsistirá na difusión de pequenas reportaxes elaboradas polo Servizo de Audiovisuais onde se conta a historia e vivencias persoais de mulleres en primeira persoa que residen na provincia de Lugo e traballan en profesións diversas. Coñeceranse diferentes ópticas, diferentes roles e experienciasco obxectivo de dar a coñecer as situacións de desigualdade que se dan no día a día e, á vez, poñer en valor os numerosos logros diarios que consegue cada unha delas nas múltiples tarefas que asumen a maiores da súa profesión.

Loureiro incide en que “nestes momentos de pandemia non podíamos deternos e o noso obxectivo é chegar ao conxunto da sociedade buscando fórmulas e iniciativas que nos permitan reivindicar unha igualdade real entre homes e mulleres, vivimos un momento onde estamos sufrindo serias ameazas de retroceso en materia de igualdade que non podemos permitir”.

Centros de maiores

Nos Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo desenvolverase un conxunto de actividades baixo o lema “Compañeiras de vida”, co obxectivo de poñer en valor o traballo feito polas mulleres ao longo da súa vida, tanto no ámbito dos coidados como na súa actividade profesional como pioneiras no seu campo.

 

En cada unha das cinco residencias provinciais – Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde – farán unha exposición propia con fotografías onde se amosa un cambio de roles: mulleres que desenvolven tarefas asignadas socialmente aos homes e viceversa.

Logo, cada centro está traballando en actividades e accións concretas como relatorios, cine, conversas e debates adaptados á realidade de cada unha das residencias.

CAM Trabada

  • Exposición fotográficaIgualdade nas tarefas e profesións
  • Exposición As nosas historias de vida. Homenaxe ás mulleres usuarias da residencia con recompilación de fotografías achegadas polas familias (realizando traballos no campo, coidado de fillos, etc.)

CAM Ribadeo

  • Exposición fotográficaIgualdade nas tarefas e profesións
  • TESTEMUÑAS: Recoñecemento ao traballo realizado polas mulleres e o valor achegado
  • RECOPILATORIO: Mulleres na ciencia, investigadoras, inventoras, xestoras...
  • HISTORIA DE VIDA: Relato en primeira persoa dunha usuaria adianta ao seu tempo, solteira, emprendedora

CAM Pol

  • 2 de marzo: Sesión fotográficas sobre a igualdade nas tarefas
  • 4 de marzo: Sesión fotográfica sobre a igualdade nas profesións. Obradoiro de igualdade
  • 6 de marzo: Mural colectivo que representa o papel das mulleres nos coidados
  • 7 de marzo: Cinefórum coa proxección de No soy un hombre fácil
  • 8 de marzo: Inauguración da exposición fotográfica Igualdade nas tarefas e profesións. Obradoiro Conversas entre mulleres.

CAM A Fonsagrada

  • 24 de febreiro: Obradoiro Igualdade.
  • 2 de marzo: Ensaios e gravación da canción As Rimas das Valentes.
  • 8 de marzo: Inauguración da exposición fotográfica Igualdade nas tarefas e profesións. Representación e gravacióndunha canción .

CAM Castroverde

  • 1 de marzo: Obradoiro de igualdade e sesión fotográfica
  • 3 de marzo: Sesión fotográfica sobre a igualdade nas profesións
  • 8 de marzo: Inauguración da exposición fotográfica Igualdade nas tarefas e profesións. Obradoiro Falamos do noso

Pancarta e alumeado da fachada

Dende este venres e ata o 8 de marzo da fachada do Pazo de San Marcos pendurarán pancartas en cor violeta en reivindicación da igualdade de homes e mulleres co lema “Querémonos vivas, libres e iguais”. Así mesmo, durante ese mesmo período, alumearase pola noite desa mesma cor, como símbolo da aposta  firme e decidida en defensa dos dereitos, liberdades e a seguridade das mulleres.