Desde o 28 de xullo poderase visitar no Cenima, en Foz, a exposición “Somos mar”, organizada pola sociedade cultural A Rula.

Este venres, 28 de xullo, terá lugar a inauguración da exposición “Somos Mar” ás 19.30 horas en Foz,  no Cenima. A sociedade cultural A Rula é a organizadora do evento artístico, que será de visita libre no horario do propio Cenima (9 a 14 horas de luns a venres) situado no Paseo da Ribera, 4.  Tamén poderá facerse  a través dunha visita guiada, na que se convida aos participantes a compartir os seus coñecementos e experiencias. 

A mostra pretende dar a coñecer o pasado mariñeiro da vila de Foz dende a emoción do relato da memoria colectiva do pobo, que aparece representada en cada unha das pezas recollidas. Ademais simboliza unha homenaxe a todos os homes e mulleres que fixeron do mar o sustento e parte da identidade da vila.

Tanto a asociación como a propia mostra nace do esforzo de Salustiano Alonso e Salustiano Niñe, que foron quen de xuntar durante anos os elementos da mostra e o groso da colección. Para a propia sociedade cultural A Rula, nacida en 2020, este supón un primeiro paso para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial dun pasado vencellado ao mar.

Desde a organización agradecen a cada unha das persoas que colaboraron coa asociación neste proxecto tanto na cesión de pezas e información sobre estas como na axuda de recuperacións, elaboración de materiais e un sinfín de esforzos. Insisten en que agardan por todos e todas para visitar a mostra.