Do 11 de maio e ata finais de xuño poderá visitarse no Castelo de Castrodouro, en Alfoz, unha exposición de acuarelas de Juan Ramón Alves.

O próximo sábado, 11 de maio, terá lugar a inauguración da colección de acuarelas de Alfoz e A Mariña do pintor leonés Juan Ramón Alves Fernández, gañador das dúas últimas edicións do Maratón de Pintura de Alfoz.

Durante o acto de inauguración, previsto para as 11.00 horas no Castelo de Castrodouro, o acuarelista Juan Ramón Alves efectuará unha demostración para todos os visitantes que se acheguen. 

Ademais presentarase o IV Maratón o Aire Libre do Concello de Alfoz, que terá lugar o sábado 27 de xullo e no que poderán participar todos os pintores que o desexen, existindo unha categoría infantil (ata 16 anos) e outra sénior. Como en anos anteriores, a temática será referida ao concello de Alfoz, podendo reproducir calquera motivo, monumento ou paisaxe do termo municipal.