Do 14 ao 16 de xuño terá lugar en Foz a 1ª Festa Mariñeira. Está organizada por 9 locais hostaleiros do porto, que contan coa colaboración do CCA e do Concello.

Nove locais hostaleiros do porto focense organizan, coa colaboración do Centro Comercial Aberto e do Concello, a 1ª Festa Mariñeira que terá lugar do 14 ao 16 de xuño. O evento foi presentado este mediodía con asistencia de varios empresarios, do alcalde en funcións, Javier Castiñeira, e do presidente do CCA/Acia Foz, José Carlos Paleo. 

Haberá pregón o venres e música polos bares. O sábado os nenos e nenas desfrutarán de inchables e talleres mariñeiro e de maxia. Esa xornada varios locais terán sesión vermú, que contarán con ambientación musical en directo. E a partires das sete haberá tres concertos, que serán ás sete, ás nove e ás once da noite. 

Xa o domingo cinco grupos serán os protagonistas dos Cantos de Taberna, que percorrerán os locais participantes neste evento. Actuarán dúas formacións de Foz e outras chegadas de Viveiro, San Cibrao e Cambre. 

Durante os tres días desenvolverase un mercadillo na praza Conde de Fontao. 

Caxé, de Rente ao Mar, explicou que “a idea xurdiu un venres pola mañá no meu local, acendéuseme a bombilla, ideeina, fixen un boceto e presentéillelo aos oito locais restantes. Pareceulles ben e decidimos levala adiante”. 

Os nove bares do porto focense que se dan cita nesta 1ª Festa Mariñeira son: O Muelle, A Funcional, O Lar, Rente ao Mar, A Rambla, A Viela, Fontao, A Rula e A Ribeira. Estes locais ofrecerán tapas elaboradas con produtos do mar durante as tres xornadas. 
Caxé e os seus compañeiros hostaleiros animan á xente “a disfrazarse de mariñeiros, de redeiras, de pescantinas, de profesións relacionadas co mundo do mar. Penso que é unha festa que vai estar moi ben para todo o mundo”.

Desde o Centro Comercial Aberto o seu presidente, José Carlos Paleo, convida á xente “a vir a Foz do 14 ao 16 de xuño a esta Festa Mariñeira, que nos achegará ao mundo do mar e ás súas tradicións”.