Do 24 ao 27 de agosto terá lugar en Ribadeo o X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que organiza Apaga.

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (Apaga) organiza o X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se celebrará en Ribadeo do 24 ao 27 de agosto e ao que asistirán medio cento de persoas.  Entre as novidades deste 2021 destaca que os talleres terán lugar o mesmo día, o 24, nas instalacións de Apaga e un celebrarase no polígono industrial de San Cosme de Barreiros. Haberá unha exposición de pintura de Esther Páez na Casa de El Viejo Pancho como actividade paralela. Ademais das charlas, que se celebrarán do 25 ao 27, está prevista a inauguración do centro de interpretación de José Barro en Mondoñedo, a visita a unha empresa de micoloxía ecolóxica sostible en Ribadeo ou a presentación de dous coches: o Mercedes Clase S e o Ford Mustang Mach-E.

O X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos foi presentado hoxe en Ribadeo polo presidente de Apaga, Álvaro Doural, polo tesoureiro da asociación, Francisco J. Rodríguez, e pola responsable de Accións Internacionais, Sandra Gómez. 

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, explicou que “como todas edicións, máis ou menos, é unha estrutura moi parecida, aínda que debido a que este ano se vai celebrar no local de Apaga, os talleres van ser un día, en horario de mañá e tarde. Tamén se vai facer unha actividade externalizada, que vai ser no polígono industrial de San Cosme de Barreiros, en colaboración coa empresa Tecmat e Forest Pioneer, que é unha empresa dedicada ás máquinas forestais como procesadores, autocargadores e todas as que se utilizan nesas actividades. Imos contar tamén ese día cunha novidade que é a exposición de pintura, que se titula Miradas. De dentro hacia fuera, de Esther Páez, de Murcia. É unha muller procedente dunha familia que se dedica tanto á escultura como á pintura, cunha traxectoria importante, xa que realizou bastantes exposicións. Vai ser na Casa de El Viejo Pancho”.

Doural sinalou que “o número de participantes anda sobre os 50, que era o aforo que tíñamos previsto, debido á situación que hai neste momento e que o local de Apaga tampouco se presta para meter moita máis xente. Queremos resaltar a importante colaboración das empresas privadas, que este ano se implicaron dunha forma moi importante. O orzamento estamos, como todos os anos, sobre os dez mil euros”. E engadiu: “este ano se lle dá outra volta de torca ao X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos coa incorporación de cousas novas. Quizais unha das actividades máis importantes vai ser a inauguración do museo de José Barro, que se vai instalar en Mondoñedo. Creo que será unha semana bastante intensa de actividades”.

O X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos é unha actividade homologada pola Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional. A inauguración será o 24 de agosto ás 10 da mañá no local de Apaga, sito en Vilar, en Ribadeo.