Do 30 de xullo ao 2 de agosto celébranse en Foz as XXIII Xornadas de Historia Local, que organiza A Pomba do Arco.

A asociación cultural A Pomba do Arco organiza a XXIII edición das Xornadas de Historia Local que darán comezo este luns, 30 de xullo.

Na primeira xornada este luns ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Foz  proxectarase o documental inédito Foz, Cangas e Lourenzá, gravado a comezos dos anos 50 polo cangués Antonio Díaz Ortiz. Despois intervirá Martín Fernández Vizoso, que fará un percorrido pola vida do autor do documental.

O martes, 31 de xullo, ás 20:30 horas tamén na Casa da Cultura de Foz, participará Xosé Ramón Ermida Meilán coa charla titulada A fotografía focega. 1906-1936, na que propón unha viaxe, a través da fotografía, pola historia da localidade nas primeiras décadas do século XX, centrándose nos traballos fotográficos dos focenses Alberte Bravo, Andrés Gamboa e Manuel Luxilde, e na obra do ribadense Bieito Prieto e do mindoniense Santiago Pernas.

O mércores, 1 de agosto, ás 20:30 horas na Casa da Cultura terá lugar a conferencia impartida por Xé Freire. O investigador mindoniense abordará o período da I Restauración dende a relación mantida coa localidade polos máis importantes intelectuais mindonienses sinalando entre eles a Eduardo Lence Santar.

As xornadas rematarán o xoves, 2 de agosto, ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Foz cunha mesa redonda na que participarán diversos focegos que desenvolveron a súa actividade profesional como carpinteiros de ribeira. Participarán Santiago Pérez, Pedro Fraga, Carlos Villarino, Alfredo Sixto, Ramón Cuadrado, Alfonso García e Juan Nécega, que falarán do período de construción naval en Foz dende 1942 ata os nosos días.