Do 6 ao 10 de decembro terá lugar unha nova edición do Mercado do Nadal de Ribadeo. Haberá obradoiros e moita música.

O Mercado do Nadal volve a  Ribadeo e terá lugar dos días 6 ao 10 de decembro na rúa San Francisco e a súa contorna. Estará aberto en horario 11 a 14 horas polas mañás e de 17 a 21 horas polas tardes. Trátase dun evento organizado pola Concellaría de Turismo, Desenvolvemento Local e Comercio.

Segundo explica a edil Ana Martínez “a través da celebración deste evento, o Concello busca favorecer en maior medida  ao comercio da vila e animar Ribadeo así como promocionar a artesanía e os seus profesionais. Nesta edición os postos estarán dispostos na rúa San Francisco e no parque, onde ademais se desenvolverán actividades paralelas, que animarán a vindeira longa ponte festiva en Ribadeo”.

A concelleira ribadense contou que “a presente edición acollerá  25 actividades artesanais recollendo diversos oficios, produtos alimenticios e manufacturados, pero cun elemento en común o arte do feito a man. Tamén haberá queixos, embutidos, doces, instrumentos musicais, cerámica e xoiería. Cómpre salientar que este mercado é unha iniciativa totalmente profesional”.

Ana Martínez dixo que “a celebración do Mercado do Nadal virá acompañada como cada ano de actividades de animación para todo público desde a infancia ata os maiores, durante estes días tense prevista a celebración de obradoiros e actividades paralelas que de seguro animarán Ribadeo nesta Ponte. Haberá dous talleres dirixidos á infancia, un de reciclaxe de refugallo de mar e outro de elaboración de adornos de Nadal”

E engadiu: “asemade  o mercado virá acompañado de moita música, pasarrúas, concertos dos grupos de Body & Soul, que terá lugar o día 7 de decembro ás 19:00 horas , o grupo The Ken Song actuará o día 8 á mesma hora  e o domingo teremos unha actuación matinal ás 12:30 horas do grupo Toyemerendas. E o sábado Amigos da Gaita organizará unha gran foliada e un magosto”.

Ana Martínez relatou que “haberá tamén unha exposición de talla e madeira organizada polos Amigos da Madeira de Ribadeo  e que estará situada na antiga oficina de turismo, e que contarán con mostras de torno ao longo dos días 6 e 8 de decembro a cargo da Asociación de Amigos da Madeira das Pontes”.