Do 8 de outubro ao 24 de novembro estará aberta no Complexo RegalXunqueira, en Viveiro, a exposición "Ó seu xeito", de Carmen Prado.

O complexo Regalxunqueira de Viveiro acolle desde este martes, día 8 de outubro, a mostra da pintora luguesa Carmen Prado Vázquez titulada Ó seu xeito. A inauguración terá lugar ás 20:00 horas.

Carmen Prado é unha pintora autodidacta que pinta por afección e pura intuición, alguén que atopa na pintura a súa forma máis básica e elemental de expresarse, de expandir o seu mundo a través das imaxes que lle saen da observación do mundo cotiá, situación, sentimentos cautivos ou personaxes que nos contan historias por rematar. Unhas veces son o encontro so seu ser máis íntimo e outras pura extroversión.

A exposición preséntanos personaxes cheos de cor, maioritariamente femininas, que nos sorprenden porque son Ó seu xeito.

A mostra de Carmen Prado Vázquez poderase visitar ata o 24 de novembro de luns a sábado en horario de 10 a 14 horas polas mañás e de 16 a 20 horas polas tardes.