Dobre cita teatral en Viveiro os días 24 e 25 de novembro

O venres, día 24, será tempo para o teatro afeccionado do Bordelo, que porá en escena O covid do mariñán, con entrada de balde ata completar aforo. A función dará comezo ás 20:30 horas. Trátase dunha comedia. Para todos os públicos.

Sinopse: A causa da pandemia, o protagonista desta historia desapareceu durante dous anos, retornando desorientado ante o asombro da veciñanza. A nova concepción de vida que trae consigo aposta por resolver os problemas da sociedade con novos enfoques e valores que os demais non acertan a comprender. O conflito entre un e outros leva á reflexión, saíndo a relucir verdades que queiman e asfixian á colectividade. Esta comedia ten a intención de activar os valores que dun tempo a esta parte foron perdendo o seu lugar na civilización. Porque para acadar o que se quere, non todo vale.

E o sábado 25 Contraproducións representará Entrega en man a partires das 20:30 horas. O prezo da entrada xeral será de 5 euros, mentres que estudantes e xubilados pagarán 3 euros.  

Tamén se trata dunha comedia, dirixida e adaptada por Cándido Pazó. 

Sinopse: Na cotrosa habitación dun cutre hotel dunha pequena e anónima vila americana, un home maduro e excéntrico ofrece unha recompensa por recuperar a man que, nun acto de cruel e gratuíta violencia, lle cortaron 27 anos atrás e que, desde aquela, leva buscando sen descanso. Un xove negro e a súa fermosa e branca moza pretenden enganalo ofrecéndolle unha man que, loxicamente, non é a súa. O estraño recepcionista do hotel entremétese e pon en risco a insólita transacción. Unha comedia louca e denegrida na que, da man dun humor mordaz e corrosivo, zumega o tema do racismo, o machismo e a xenofobia.