El cazador cazado de Paulino Borreguero foi o gañador do VI Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, que se celebrou en Burela.

O Concello de Burela entregou os premios do VI Certame Internacional de pintura mural Amarte, do que saíu vencedor o madrileño Paulino Borreguero. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o edil de Cultura, José Díaz, fixeron entrega do galardón, con 1.600 euros para o primeiro premio, ao mural titulado "El cazador cazado".

Oniel Rodríguez, de orixe cubano, fíxose co segundo premio, valorado en 800 euros, coa súa obra "Adiós para siempre", e o terceiro premio de 500 euros foi para o salmantino Jorge Aka Nego, por "El nudo y el marinero".

A entrega de premios á que asistiron distintas autoridades e representantes da Asociación Ledicia foi o colofón final desta Feira do Bonito que marcou un récord de asistencia e que estreou o título acadado no 2019 como Feira de Interese Trístico Nacional.

A arte tivo un papel moi relevante coa final de Amarte en directo, podendo observar desde o xoves aos nove finalistas “nun espectáculo en directo que suscitou moito interese entre os asistentes á feira, polo que queremos agradecer a todos os participantes por agasallarnos coa súa arte, que xa forma parte deste museo ao aire libre do que nos sentimos tan orgullosos”, subliñou o concelleiro de Cultura.