Elixidas as oito compañías e as obras para participar no segundo Certame de Teatro Concello de Lourenzá.

Xa foron escollidas as oito obras que van ser representadas no segundo Certame de Teatro Concello de Lourenzá. O xurado, presidido polo concelleiro de Cultura, Manuel Arango, e formado por laurentin@s vinculados coa cultura ou con asociacións da localidade, non o tivo nada fácil, non só polo número de compañías presentadas, dezaoito, senón tamén pola calidade das obras.

As compañías e obras seleccionadas son as seguintes: Bule Bule, de Alfoz-Lourenzá, con Xente con xente; Ollomao, de Barreiros, con Oé, oé, oé...!; Rebuldeira Teatro, de Sarria, con Delicadas; Avelaíña Teatro, de Pontevedra, con María Castaña; Artías Teatro, de Teo, con Des-armadas; Os Palimoquiños, de Lugo, con Borralliña; Andanzas, de Viveiro, con El caso de la mujer asesinadita; e Fauna 113, de Vigo, con Deus, unha comedia. O xurado tamén decidiu escoller dúas compañías suplentes, que entrarían no certame no caso de que algunha das seleccionadas non puideran participar. Son Faro Miño, de Chantada; e A.C. El Cioyo, de Castropol.

Nos próximos días anunciarase o calendario de actuacións e a data da gala de entrega de premios.