En agosto seguen as visitas guiadas ao Mosteiro de San Salvador, en Lourenzá, de luns a sábado ás doce da mañá.

En agosto seguen as visitas guiadas ao Mosteiro de San Salvador, en Lourenzá. Teñen lugar de luns a sábado ás 12 da mañá. As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse ao teléfono:  982121006, por correo electrónico a lourenzaturismo@outlook.es ou por whatsapp ao 646384124 

O Mosteiro de San Salvador é sen dúbida, o monumento máis importante do concello, un referente do barroco galego. Foi declarado monumento histórico-artístico no 1974.

Os primeiros datos da súa existencia son do 947. A partir do século XII, pasou de mosteiro familiar a mosteiro beneditino. A partir do 1505, intégrase na congregación de San Benito de Valladolid. No 1642, o prestixio da abadía chegou a tal que o rei Felipe IV outorgoulle o título de Marqués de Lorenzana a Don Alvaro Quiñones.

O dia 18 de Outubro de 1835, tivo lugar a supresión definitiva do Mosteiro, por mor da desamortización de Mendizabal, momento no que foi desmantelada a biblioteca do mosteiro.

No 1878, tivo lugar un incendio que afectou a unha boa parte do claustro principal. En 1910, unha comunidade de monxes volveu a ocupar as estancias do mosteiro, creándose un priorado dependente de Samos, sendo estes moxes os que levaron a cabo os labores de restauración do mosteiro.

En 1942 disólvese o priorado, co que quedan traspasadas as dependencias ao bispado de Mondoñedo. A partir do curso 1942-43 e ata o 1970, funcionou o Seminario Menor Diocesano.

A igrexa de Santa María foi Iniciada no ano 1732, por Frei Juan de Samos, e rematada por Casas Novoa (fachada e parte alta do interior), como ensaio da fachada do obradoiro.

Conta con tres naves, con planta de cruz latina e cúpula sobre pendente. Conta cun retablo neoclásico de Ventura Rodríguez con imaxes de Ferreiro.

Conta tamén co retablo renacentista de San Xosé, o de Santa Xertrude, coa Virxe de Monserrat, unha tapa do sepulcro dun cabaleiro e a lápida de Villaroel.

Posúe dúaas capelas de interese: A Capela de Nosa Sra. Da Valvanera, e a Capela de Nosa Sra. De Valdeflores, na que se atopa o sartego do Conde Santo.

Destaca o Museo de Arte Sacra. De titularidade eclesiástica, foi creado no ano 1964, foise remodelando en épocas posteriores e agora conta cunhas magníficas instalacións, entre as que destaca a ampla sala que antano fora biblioteca monacal, da cal aínda se conservan interesantes volumes.

O museo alberga unha importante colección de pinturas en táboa, con escenas dos miragres do Conde Santo, pezas escultóricas dos séculos XVII e XVIII e un rico e variado número de pezas de ourivería.

Desta colección de obras, cómpre destacar o relicario barroco do s.XVII, situado na sancristía da igrexa; o sepulcro do Conde Santo, do s.V (de mármore Paleocristián); a capela de Nosa Sra. Valbanera, do s.XVII, que posúe un fermoso altar tallado en madeira natural e o retablo da igrexa, do s.XVIII, deseño de Ventura Rodríguez e obra de Bernardo Del Río, mestura entre barroco e neoclásico.