En Burela convidan a achegarse á vila os días 28 e 29 de xuño para disfrutar da VIII Festa Castrexa. Haberá infinidade de actividades.

A comisión organizadora, o concelleiro de Cultura, José Díaz, e o alcalde, Alfredo Llano, presentaron esta tarde a VIII Festa Castrexa que terá lugar os días 28 e 29 de xuño. Durante estas xornadas haberá desfile de clans, teatro e xogos castrexos, queimada popular, exhibición de cetrería, espectáculos na rúa, mercado castrexo, gastronomía e música, entre outras actividades. 

Alfredo Llano invita “a todo o mundo, tanto de Burela como da comarca da Mariña e de toda Galicia a que se aproximen este venres e este sábado para poder apreciar a festa castrexa que facemos aquí cunha grande vistosidade. O venres temos un importante desfile e ao día seguinte temos xogos e infinidade de actividades atractivas e suficientemente motivadoras para que nos veña a ver moita xente a participar ou polo menos observar e disfrutar desta cita”. 

O rexedor engadiu que “todo está preparado, penso que vai haber moita xente. E dados os eventos deportivos que teremos esta fin de semana e que complementan perfectamente a festa castrexa é unha boa ocasión, unha boa razón, para achegarse aquí para participar e disfrutar da festa castrexa mais das citas deportivas que temos en Burela”.