En Cervo o encoro de Ríocobo acollerá o 5 de agosto a 4ª Regata da 7ª Copa Deputación de Piragüismo.

O Encoro de Ríocobo acollerá este sábado, 5 de agosto, a cuarta regata da sétima Copa Deputación de piragüismo, organizada polo Club Deportivo San Ciprián, coa colaboración do Concello de Cervo.

O alcalde, Alfonso Villares e o edil de Deportes, José Ramón Soto, presentaron hoxe a proba, acompañados do responsable da sección de piragüismo do Club Deportivo San Ciprián, Javier García, e dunha representación dos participantes do Club local que competirán na regata.

Villares destacou que dende o Concello de Cervo “traballamos por promover a  actividade deportiva no seu conxunto; apostando por todo tipo de disciplinas deportivas, dende os deportes de masas, ata aqueles que se poden considerar non tan maioritarios e que queremos achegar sobre todo ás novas xeracións”. 

En total estímase que serán uns 200 deportistas os que se darán cita no Encoro de Ríocobo este sábado, para competir nas categorías Benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e senior; todas elas probas mixtas.

A competición comezará ás 10:00 horas, e está previsto que as medallas se entreguen contra as 13:00 horas.

O rexedor apuntou que “dende o Concello de Cervo convidamos a todos, veciños e visitantes, a que se acheguen nesa xornada ao Encoro de Ríocobo e gocen desta competición e dunha contorna de luxo como é a que acolle esta proba”.