En quince días foron consumidas o 25% das Panchas. A cuarta edición da moeda local ribadense prolongarase ata o 31 de decembro.

Satisfacción no goberno municipal de Ribadeo pola boa acollida que están a ter as Panchas. Nos primeiros quince días de campaña xa se consumiron o 25% e foi xerado un impacto de negocio de máis de 50.000 euros, segundo os datos que hoxe deu a coñecer o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso. 

O edil ribadense declarou: “realmente desde o Concello de Ribadeo estamos moi satisfeitos pola tan boa acollida das Panchas na súa cuarta edición porque ao remate desta segunda semana xa podemos constatar como aproximadamente o 25% das Panchas están consumidas, xerando un impacto de negocio dun mínimo de 50.000 euros, aínda que realmente o volume de negocio que se consegue crear é superior a esa cifra. Foron efectuadas arredor de 500 operacións e un importe medio de 70 euros por cada compra realizada nos diferentes establecementos participantes”. 

Pablo Vizoso dixo que “estes datos veñen confirmarnos que se trata dunha fabulosa iniciativa, moi favorable tanto para os establecementos da localidade como para as persoas compradoras, porque benefícianse por unha banda dun desconto e por outra favorece a actividade comercial de Ribadeo”. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Comercio anima “unha vez máis a seguir descargando as Panchas e disfrutando delas no noso comercio”. 

A campaña das Panchas deu comezo o pasado 1 de outubro e seguirá ata o 31 de decembro.