En Xove celébrase ata o 31 de outubro un obradoiro de escaparatismo en galego non sexista. É impartido por Jesús Atadell.

A lingua é palabra de amor, de pesar e pensar, de verdade, é forza, identidade, cultura, historia, irmandade, pobo...

Nos últimos anos a poboación galego falante descendeu notablemente e  para evitar que unha lingua desapareza hai que crear as condicións propicias para que quen a fala a siga usando, se sinta “orgullosos” dela e a ensine aos seus fillos e fillas, así o recomenda a subdirectora de Cultura da UNESCO, Françoise Rivière.
Tamén desde a UNESCO alertan do perigo do “bilingüismo pasivo” termo que alude a que nenos e nenas entendan a súa lingua materna, pero non a falen.

É ademais necesaria a utilización dunha linguaxe non sexista que valora por igual a homes e mulleres, xa que serve de ferramenta para sensibilizar en igualdade e de modelo de reflexión.

Por outra banda, o comercio local precisa tamén apoios para a súa subsistencia ante unhas condicións cada vez máis adversas.

Por todo o anterior O Concello de Xove a través do Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local ven de deseñar unha campaña para fomentar o uso do galego non sexista no comercio do municipio continuando as xa realizadas desde 2013. Subvencionada pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O obxectivo final é dar ferramentas para crear as condicións propicias para que o comercio local cumpra a súa responsabilidade: ser atractivo e poñer en valor e á vista as fortalezas coas que conta. SIMIL: lingua galega/lingua galega non sexista/comercio local

O obradoiro de ESCAPARATISMO EN GALEGO NON SEXISTA está  impartido por JESÚS ATADELL (de El Chipe). Deu comezo esta semana e desenvolverase na Aula de Formación do Concello de Xove todos os luns e mércores ata  o 31 de outubro en horario das 20:30 ás 22:30 h.

Trátase dunha formación de caracter eminentemente práctico na que participan 11 persoas pertencentes a establecementos locais que traballan  a maneira de colocar o seu produto de forma orixinal, creativa e innovadora procurando chamar a atención da clientela, así como a adaptación do escaparate a cada tempada. Ademais están a artellar o desenvolvemento dunha campaña conxunta de promoción dun Nadal en galego, no que o idioma teña un papel central.

Por outra banda, foméntase o emprego do idioma galego non sexista tanto durante o obradoiro coma nas relacións comerciais diarias e o alumnado xa está a artellar ideas para o desenvolvemento dunha campaña denominada Nadal en galego que reflicta desde os escaparates comerciais do municipio o importante papel do idioma e o apoio mutuo.