Está aberta a inscrición para participar no curso de montañismo estival que organizan Os Sendeiros, de Foz, en xuño.

Os Sendeiros de Foz, en colaboración coa Escola Galega de Alta Montaña, organiza un curso de montañismo estival durante o mes de xuño.

O obxectivo da actividade é iniciar aos participantes no montañismo para chegar a realizar con autonomía e seguridade itinerarios sinxelos por montaña, non balizada, en terreos non nevados. O lugar de celebración será na comarca de Foz, e o sitio e a data poderán variar en función das condicións meteorolóxicas.

O prezo é 70 euros para as persoas federadas e 78€ para as non federadas, debendo aboarse na conta do Banco Sabadell. O aloxamento correrá a cargo de cada un, e a organización recomenda que a manutención sexa coa comida típica de monte e bebida que terá que levar á montaña cada día. Para o transporte os organizadores suxiren compartir coche co fin de facer un uso racional do vehículo que debe ser un valor nesta actividade deportiva. Tamén se recomenda levar roupa e calzado todoterreo, lanterna frontal e mochila.

Este curso está dirixido a deportistas federados ou non. O número de prazas é de 16, cubríndose por estrita orde de inscrición, e a data límite para anotarse e o xoves 2 de xuño, antes de comezar o curso, ou ata que se cubran as prazas. O número mínimo de asistentes para realizar o curso será de 6 persoas. Haberá un técnico cada 8 alumnos/as e a duración do curso son 16 horas lectivas.

As persoas interesadas poden obter máis información no Club de Montañismo Os Sendeiros de Foz, no número de teléfono 670 369 017 ou en ossendeiros@yahoo.es.