Expomar celebrará as súas Xornadas Técnicas de forma telemática o 25 de xuño. E o día 26 será o Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras.

As XXVII Xornadas Técnicas e o XXI Encontro Empresarial de EXPOMAR, que ían ter lugar en Burela os pasados 28 e 29 de maio pero que se aplazaran pola situación de estado de alarma, finalmente celebraránse de forma telemática a próxima semana.

Na mañá do xoves 25 de xuño celebrarase a primeira edición virtual das Xornadas Técnicas de Expomar nos seus xa 27 anos de historia. Baixo o título “A Pesca, un sector esencial; e agora, que?” preténdese analizar a situación pesqueira actual desde distintos puntos de vista, tendo en conta o impacto do COVID e o BREXIT nun sector esencial como a pesca, así como as principais repercusións sociais e económicas esperadas para os vindeiros meses.

O foro, que terá lugar entre as 10:00h e as 14:00h, comezará coa presentación a cargo do Presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, e poderá seguirse en aberto a través dunha plataforma dixital.

Ao longo da mañá intervirán a Secretaria Xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villaoriz; a Directora Xeral de Pesca da Consellería do Mar da Xunta Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda; o Presidente da European Fisheries Alliance (EUFA), Gerard van Balsfoort; e o Secretario Xeral de CEPESCA e Presidente de EUROPECHE, Javier Garat.

Como en tódalas edicións presenciais, ao finalizar o encontro terá lugar un debate aberto entre tódolos participantes, que será moderado polo Director de ABANCA MAR, Javier Fraga.

A clausura das Xornadas Técnicas 2020 correrá a cargo da Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, e terá lugar a partir das 13:00h.

Pola súa parte, o venres 26 de xuño pola mañá celebrarase, por primeira vez de forma non presencial nas súas xa 21 edicións, o Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueras, que reúne cada ano ás entidades máis representativas da frota galega e ás asociacións profesionais do sector pesqueiro a nivel nacional.

A reunión dos representantes da frota terá lugar entre as 10:00h e as 13:30h por videoconferencia. Ao finalizar o evento, como cada ano presentaranse as conclusións aos medios de comunicación en torno ás 14:00h, momento no que se farán públicas.

Sen dúbida o principal tema sobre a mesa será o impacto COVID no sector pesqueiro, coas axudas Post-COVID, as estratexias europeas de impacto no sector pesqueiro, ademais de diferentes asuntos comerciais ou sanitarios derivados da crise do Coronavirus.

O Presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, destaca “o grande compromiso que a Fundación Expomar ten co sector náutico-pesqueiro” e que, “debido a que este ano ía resultar moi difícil celebrar as Xornadas Técnicas ou o Encontro Empresarial de forma presencial, optouse por esta vía telemática como a mellor solución para poder afrontar a situación do sector con urxencia xusto uns días despois do levantamento do estado de alarma.

Debido á grande trascendencia das decisións que aquí se tratan, sen dúbida esta edición convertirase nunha das de maior relevancia dos últimos anos, xa que tocará debatir a situación do sector pesqueiro xusto despios de superar a crise sanitaria do coronavirus e no momento de afrontar tódalas súas consecuencias socio-económicas.

As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación EXPOMAR, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.