A exposición fotográfica "Meridiano 7,30º oeste" de Pradero permanecerá na Casa da Cultura de Burela ata o 21 de xuño.

A sala de arte da Casa da Cultura de Burela acolle a exposición fotográfica Meridiano 7,30º Oeste de José Luís Rodríguez (Pradero), na que plasma a paisaxe da costa luguesa e a vida das xentes da Mariña.

A mostra permanecerá ata o vindeiro 21 de xuño e poderá visitarse de luns a venres en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

Pradero comezou a súa carreira profesional en 1995 e traballou como fotoxornalista no diario El Progreso e en La Voz de Galicia. Posteriormente colaborou coa revista Interviu ata o seu peche, e en medios como El Mundo, El País ou O Jornal de Noticias de Portugal. 
No 2014 comeza o proxecto de fotografías das praias da costa lucense avalado pola Deputación de Lugo, e a través desas imaxes achéganos á paisaxe e á vida das persoas da Mariña de Lugo. Froito da conexión do autor co mar e as súas xentes, presenta esta serie de trinta e cinco fotografías agardando amosar as emocións vividas polo autor que di: “non podes comunicar unha emoción se non a sentes primeiro, e non podes cautivar ao público se non transmites unha emoción”.