A FCAM anima a apostar polo comercio da comarca durante o Black Friday.

A FCAM anima a apostar polo comercio da comarca durante o Black Friday. 

O presidente da Federación de Comercio A Mariña, José Carlos Paleo, sinala que “chegan uns días de ventas importantes. O comercio agarda ao Black Friday para ofrecer promocións, descontos, etc… e para animar á súa clientela, que en moitos casos vai facer xa compras pensando no vindeiro Nadal”.

Paleo anima “a comprar na Mariña, ese é o noso reto comarcal, apostar polo que temos a carón da casa. Podemos beneficiarnos das campañas que xa están en marcha e sumalas ao Black Friday”. 

Desde a Federación de Comercio A Mariña subliñan que “ademais de aproveitar os descontos que atoparemos no comercio da comarca durante o Black Friday, podemos conservar os tíckets de compra e participar na nova edición dos Días Azuis da Federación Galega de Comercio. Ata o 30 de novembro temos tempo. En total hai 16.200 euros en premios, en tarxetas regalo de 150 e 300 euros respectivamente. Iso quere dicir que temos unha dobre oportunidade de beneficiarnos por mercar no comercio da Mariña”.