A FCAM, coa colaboración da Xunta, promociona en todo o estado a realización de rutas turísticas pola Mariña.

A Federación de Comercio A Mariña, coa colaboración da Xunta, promociona en todo o estado a realización de rutas turísticas pola comarca. A iniciativa foi presentada este mediodía a carón do Cenima, en Foz. Ao acto asistiron o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, o alcalde focense, Javier Castiñeira, o presidente da FCAM, José Carlos Paleo, e o xornalista Pedro Madera, que realiza reportaxes para Marca Motor e para outras publicacións de ámbito nacional. 

Paleo explicou que “o obxectivo é dar a coñecer todo o que temos aquí como a paisaxe, a gastronomía, os monumentos, as praias, as lonxas, os portos, os sendeiros, o comercio, a hostalería… toda unha ampla oferta para que quen nos visite en calquera época do ano saiba con qué se vai atopar”. 

Marca Motor dará a coñecer aos seus lectores no mes de marzo algunhas das inmensas posibilidades que ofrece A Mariña aos turistas. Este diario ten unha tirada de 100.000 exemplares e preto de cen mil visitas na rede. 

O presidente da FCAM agradécelle á Xunta a súa colaboración coas iniciativas que está a levar adiante a federación para a dinamización da hostalería e do comercio e para a promoción turística da comarca.