Febreiro é un mes intenso para Acisa Ribadeo, que ten en marcha tres campañas promocionais: Aforro, Copas e San Valentín.

Acisa sortea  durante os xoves do mes de febreiro un total de 88 consumicións en 9 locais asociados. Con esta campaña denominada Saír de Copas en Ribadeo sáeche gratis a asociación anima a gozar da noite ribadense. 

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “se trata dunha campaña con dous obxectivos claros: facer publicidade dos nosos establecementos asociados deste sector e potenciar a imaxe de Ribadeo como vila de ocio nocturno. Con esta iniciativa pretendemos reforzar a publicidade de Ribadeo como un lugar ao que merece a pena vir tomar as copas os venres e os sábados, e por iso poñemos en marcha unha gran campaña de publicidade tanto en radios como en redes sociais. Ribadeo é un lugar estupendo para saír con boa música e bo ambiente, polo que cremos que está ben recordarllo á xente para que se anime a seguir vindo a Ribadeo”.

Pérez engadiu que “ademais quixemos por en marcha tamén un sorteo de 88 copas doadas por locais asociados. Participar é moi sinxelo, so hai que ser seguidor da nosa páxina de facebook, darlle a me gusta, compartir a publicación do sorteo e etiquetar a dúas persoas coas que sairías de festa. Cada xoves de febreiro sortearemos 22 copas, dándolle dúas a cada gañador”.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte,  dixo que “a campaña está a ter moi boa acollida. Os establecementos reciben unha publicidade directa que Acisa fai nas radios e nas redes sociais e agardamos que lles repercuta na súa actividade. Queremos ademais darlle as grazas aos nosos asociados Pica, Molino, Náutico, Chámalle Estopa, Ribanzo, Manhattan, Cienfuegos, Rosalar e La Bugalla polas consumicións doadas”.
Jesús Pérez contou que “mais de 10.000 persoas interactuaron en seis días con esta campaña nas nosas redes sociais. Trátase de persoas de diferentes partes da comarca, polo que as expectativas son boas”. 

San Valentín
Acisa organiza, un ano máis, a súa campaña de San Valentin baixo o slogan De corazón en Ribadeo, na que sorteará 15 ceas para dúas persoas.
As persoas que realicen as súas compras entre os días 5 e 16 deste mes de febreiro poderán atopar as rifas para participar nos comercios asociados. Os participantes deberán ser maiores de 18 anos. En total foron repartidas máis de 8.000 rifas, que están a piques de esgotarse. 

O sorteo realizarase nas oficinas de Acisa o martes 18 de febreiro. Os premios non son acumulativos e ningunha cea quedará deserta. As persoas gañadoras terán ata o 20 de febreiro ás 19:00 horas para recoller o premio nas oficinas de ACISA, na rúa Viejo Pancho, 13-baixo.

Os gañadores disfrutarán das súas ceas o 22 de febreiro nos restaurantes doadores que son: O Cabazo, O Tumbín, La Solana, Voar, A Horta de San Roque, Náutico, Parador de Turismo de Ribadeo, El Rincón del Gordo, Bar Galicia, Texturas Galegas, Porta Norte, Asador A Quinta, O Alén e San Miguel. Acisa agradece ao sector hostaleiro “a súa colaboración doando estas cenas das que disfrutarán 30 persoas dentro duns días”.

Mes do Aforro
Febreiro está a ser intenso en Acisa, xa que ademais está en marcha ata o día 29 o Mes do Aforro, que por segunda vez organizaron a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos e Grupo Valcarce en Ribadeo. O xerente de Acisa subliña que “se fixeron 10.000 tarxetas de desconto. Deben darse con compras superiores aos 10 euros, polo que estamos a falar de que se xerará un movemento económico duns 100.000 euros. Estas tarxetas foron repartidas en 90 establecementos comerciais, polo que se xera un movemento duns 1.100 euros en cada local. Estas cifras nun mes coma o de febreiro, supoñen un impulso importante para os nosos asociados e asociadas”. 

O presidente pola súa banda, dixo que “estamos especialmente contentos con esta campaña porque supón un movemento económico real e cuantificable e porque estamos a premiar directamente a fidelidade da clientela do noso comercio”.