Febreiro será o mes gandeiro no Valadouro. Haberá feira de razas autóctonas e de gando e concurso de andadura galega

As actividades programadas para o mes de febreiro arrincarán o día 3 coa V Feira de Razas Autóctonas no aparcadoiro municipal situado a carón da piscina. Será desde as 10 da mañá. Esta xornada haberá concurso morfolóxico oficial Cabalo de Pura Raza Galego, pasacalle a cargo da A.C. Amado Lar O Valadouro, demostración de doma de alta escola co traballo pé a terra da Asociación Pura Raza de Cabalo Galego, sesión vermú con Brétema Band, segunda carreira de Cabalo Marchador Galego e degustación de carne poldro nos locais hostaleiros.

As persoas interesadas en participar no concurso para optar a premio teñen ata 31 de xaneiro ás 20:00 horas para inscribirse. 

Para o 10 de febreiro ás 12:00 do mediodía está programada unha conferencia sobre ordenación de granxas bovinas. Será no salón de actos da Casa da Cultura do Concello do Valadouro. 

E xa o 17 de febreiro a partir das 10 da mañá terá lugar a II Feira de Gando no aparcadoiro municipal a carón da piscina (inscrición ata o xoves 15 de febreiro ás 20:00h para optar a premio). Esa xornada tamén se desenvolverá o III Concurso de Andadura Galega a cargo da Asociación Cabaleiros do Ouro. E nos locais hostaleiros está prevista unha degustación de carne de porco celta. 

Organizan o mes gandeiro o Concello do Valadouro e Área de Medio Rural da Deputación de Lugo.