Foz acollerá na segunda quincena de outubro dúas obras de teatro e unha proxección fotográfica.

O municipio de Foz acollerá nesta segunda quincena de outubro dúas representacións teatrais, para os días 20 e 28, e unha proxección fotográfica, tamén para este vindeiro sábado. Son actividades incluídas na programación cultural do Concello focense.

As actividades deste sábado, 20 de outubro, comezarán coa proxección fotográfica titulada Foz, onte e hoxe, do arquivo de fotos de Xesús do Breogán. Terá lugar na antiga escola pública de Fazouro ás 18:00 horas. Está organizada pola asociación de veciños Santiago de Fazouro e colabora o Concello de Foz.

Tamén este sábado haberá unha representación teatral a cargo de Sarabela Teatro que porá en escena a obra Normas para saber vivir na sociedade moderna. Baixo a forma dun divertimento irónico escóndese a crítica feroz a unha sociedade que, coas súas normas e a súa hipocresía, fai imposible a sinceridade. Lagarce, o autor contemporáneo máis representado en Francia, escribiu en 1993 esta crítica a unha sociedade chea de regulamentos, para o que partiu dun manual de boas maneiras do século XIX. Esta representación terá lugar na Casa da Cultura focense ás 19:30 horas. O prezo da entrada é 3,5 euros, pero os xubilad@s e estudantes pagarán só 2 euros.

A programación cultural do Concello de Foz para este mes de outubro inclúe tamén unha representación do ciclo Teatro nas parroquias 2018 que correrá a cargo de O Batán, de Cangas, que presentará Bicos de vinagre. Escrita por Francisco Piñeiro González e dirixida por Mari Paz Rodríguez Silva, conta en ton de comedia as relacións entre país e fillos e a desestruturación da familia tradicional. Será no Centro Social de Cordido o día 28, domingo, ás 16:30 horas, con entrada gratuíta.