Foz acollerá o 28 de setembro actividades da iniciativa "Rapaciñ@s" sobre o uso das novas tecnoloxías.

A Casa da Xuventude de Foz acollerá o día 28 deste mes, xoves, a partir das cinco da tarde as actividades da iniciativa denominada Rapaciñ@s, sobre o uso das novas tecnoloxías.

Desde o departamento de Xuventude do Concello focense explican que “a iniciativa Rapaciñ@s ten por obxectivo que nais, pais e docentes accedan a información e recursos educativos de interese para que poidan acompañar a incorporación ás novas tecnoloxías dos seus fillos, fillas ou estudantes. Asemade Rapaciñ@s desenvolve actuacións orientadas especificamente a nenas e nenos de todas as idades para que adquiran hábitos seguros para navegar na Rede e poidan desenvolver a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros e xogos didácticos. O programa desenvolve diferentes actividades como charlas a menores, acompañadas de actividades lúdicas, sobre as novas tecnoloxías, onde expertos achegan consellos e responden dúbidas sobre o uso de Internet e as redes sociais”.

Tamén engaden que “o 28 de setembro celebraremos en Foz unha xornada para nais/pais/docentes e nenos/as, con dúas iniciativas combinadas. Por un lado teremos un obradoiro de programación para os/as máis pequenos/as, con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos. Un obradoiro no que se quere que os rapaces e rapazas descubran o sentimento de crear algo de comezo a fin, fomentar neles a curiosidade, o pensamento crítico, concentración,... Achegarémonos á robótica e á electrónica creando. Por outro lado teremos un faladoiro para pais/nais/docentes, co obxectivo de que poidan acceder á información e recursos educativos de interese para que poidan acompañar a incorporación ás novas tecnoloxías dos seus fillos, fillas ou estudantes. Terá unha duración de unha hora para a exposición e logo abrirase tempo para dúbidas, debate e procura de solucións”.

Finalmente anuncia que “as dúas iniciativas terán lugar na Casa da Xuventude de Foz o vindeiro 28 de setembro a partir das 17 horas. As prazas son limitadas e a inscrición poderá realizarse na Casa da Xuventude, a través do teléfono 982.133.037, do correo xuventude@concellodefoz.es ou dos perfís oficiais do Concello de Foz nas redes sociais: facebook, twitter ou instagram”.