Foz acollerá unha exposición en homenaxe a Pepe de Burón, coñecido artesán de Mañente. Poderase visitar do 13 ao 20 de abril na Casa da Cultura.

A Delegación de Cultura e Educación do Concello de Foz organiza para mañá venres, 6 de abril, unha charla sobre cómo se fai unha previsión do tempo para a Televisión de Galicia. Correrá a cargo da xornalista de O Tempo da TVG Mabel Montes e será no Cenima a partir das 11:15 horas. Ten como destinatarios aos alumnos e alumnas de 1º da ESO dos colexios Martínez Otero, O Pilar e o IES de Foz. Ademais o vindeiro día 13 inaugurarase unha exposición en homenaxe a Pepe de Burón, artesán de Mañente, ás oito da tarde na Casa da Cultura.

O concelleiro de Cultura e Educación en Foz, Ánxel Paleo, anuncia: programamos para este venres, día 6 de abril, unhas charlas informativas sobre como se fai unha previsión do tempo. Están dirixidas aos alumnos de 1º da ESO do colexio Martínez Otero, do colexio do Pilar e do IES de Foz. A duración será de dúas horas e dará comezo ás once e cuarto no Cenima. A encargada de explicarlles aos alumnos os métodos que utilizan, para despois informarnos o máis exacto posible do tempo que teremos en Galicia, será Mabel Montes, xornalista que dá o tempo na Televisión de Galicia”.

Ademais Ánxel Paleo adianta que “para a semana que ven, o venres 13 de abril, ás oito da tarde na Casa da Cultura de Foz será a inauguración da exposición en homenaxe a José Díaz Fernández, máis coñecido como Pepe de Burón, veciño do barrio de Mañente, na parroquia de Vilaronte. Era unha persoa autodidacta, un artista na talla de madeira, na de pedra, lousa, mármore e no repuxado de coiro. Deixounos para o recordo grandes obras mestras e incluso el mesmo facía a ferramenta que utilizaba”.

O edil quere “agradecer á súa muller e á súa filla todas as facilidades que nos ofreceron e a súa colaboración para facer esta homenaxe e tamén a colaboración desinteresada de Antón Niñe e Xesús de Breogán”, que falarán na inauguración da mostra.

Ánxel Paleo explicou tamén que “a exposición estará aberta do venres 13 ao venres 20 e convido a todos os veciños a que se acheguen para coñecer a vida e obra dun dos artistas do concello”.

Esta mostra, organizada pola Delegación de Cultura do Concello de Foz, permanecerá aberta no primeiro andar da Casa da Cultura focense os días 13, 16, 17, 18, 19 e 20 deste mes das 19:00 ás 20:00 horas e  o martes día 17 poderá visitarse tamén de once a doce da mañá. Para os centros escolares haberá horarios especiais.