Foz celebrará a súa 17ª Festa do Berberecho os días 18 e 19 deste mes, que será pregoada pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

Foz celebrará a 17ª edición da Festa do Berberecho os días 18 e 19 deste mes, sábado e domingo, e será pregoada pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. Este evento gastronómico foi presentado hoxe, xoves, polo alcalde focense, Fran Cajoto; o concelleiro de Cultura, Héctor Moris; e o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz, José Carlos Paleo.

O rexedor municipal destacou que “é a primeira festa do ano e o evento gastronómico por excelencia en Foz, na que poñemos en valor o berberecho, aínda que xa non hai tanto na nosa ría e temos que traelo de fóra. Pero é un produto que sempre está nosa mente este marisco que en Foz lle chamamos o chícaro. O 18 deste mes, sábado, iniciarase a festa, que este ano está dedicada á cidade de Lugo e contamos coa honra de ter aquí á súa alcaldesa, Lara Méndez, para que nos dedique unhas palabras, como mariñá, da Costa de Lugo, e poder abrir a festa ao interior da provincia. A idea é que se achegue a maior cantidade de xente, non só de Foz e dos arredores senón tamén de Asturias, de León e do interior da provincia de Lugo, para que veñan desfrutar do día, degustar o marisco e encher as nosas rúas, nunhas datas que son baixas de afluencia de xente”.

Fran Cajoto engadiu que o programa de actividades é “moi interesante pois vai actuar o grupo Mar Aberto, a charanga NBA e tamén teremos agrupacións propias de Foz, como A Subela e O Feitizo, amenizando o evento”.

Ademais o alcalde salientou “o traballo da Escola de Hostalería de Foz, da que tan orgullosos nos sentimos, que nos van preparar os berberechos á provenzal e á mariñeira, dúas especialidades propias deles que, aparte da empanada e do berberecho ao vapor, poderemos probar e desfrutar”.

O día grande do festexo será o sábado 18, xornada na que haberá actuacións musicais a cargo de charangas e grupos folclóricos. Ás doce do mediodía abrirase a carpa instalada no peirao focense para a degustación de berberechos e terá lugar o pregón a cargo da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. Ao día seguinte, o domingo 19, seguirá a festa gastronómica con degustación de berberechos en locais hostaleiros da vila. 

A programación da 17ª Festa do Berberecho tamén inclúe actividades previas para o venres 17, concretamente dúas charlas no salón de actos do CENIMA a partir das 20 horas: unha de Antón Niñe, que falará do 90 aniversario do pósito de pescadores focense; e a outra de Xesús do Breogán, titulada Foz, versión única da salve mariñeira.