Foz e Burela serán as seguintes paradas de "A Mariña en Ruta", da Mancomunidade. Os roteiros terán lugar os días 16 e 17 de agosto.

Foz e Burela serán as seguintes paradas de A Mariña en Ruta, a iniciativa posta en marcha pola Mancomunidade para diversificar a oferta turística do xeodestino. Trátase dunha serie de roteiros que se desenvolven durante os meses de agosto e setembro. 

O obxectivo principal de A Mariña en Ruta ademais de axudar na reactivación da actividade turística, é completar e diversificar a oferta do xeodestino en base ao patrimonio cultural e a natureza, sendo as actividades neste espazos as que motivan principalmente a visita á Mariña Lucense, e mais se cabe nesta época de crise provocada polo Covid 19. E tamén, que os participantes descubran os aspectos menos coñecidos da comarca da man de guías e axentes locais sempre en base aos recursos propios e que poñan en valor a realidade do destino, en consonancia coa filosofía do turismo slow na que se traballa dende hai anos na Mancomunidade, coa realización de roteiros e actividades nos diferentes municipios.

O vindeiro domingo, 16 de agosto, Francisco Canosa, guiará un paseo xeolóxico por Foz. A contorna da ría de Foz ten numerosos lugares con interese xeolóxico, por iso se propón en facer este paseo polas súas inmediacións para coñecer un pouco máis sobre a orixe e evolución das rocas que aquí en atopan. Trátase dun roteiro circular no que coñeceremos as estruturas xeolóxicas e as predicións dos cambios que se van producir no seu futuro máis próximo.

Municipio: Foz.
Data: 16 de agosto do 2020.
Hora de inicio: 10:00  horas.
Duración: 3 horas.
Lugar de início: Escola Municipal de Música, Foz.
Dificultade: Baixa.
Observacións: Uso de roupa e calzado cómodo. Gorra e crema solar ou chaqueta impermeable (roupa acorde coa meteoroloxía do día). Auga. 
Prazas dispoñibles: 15.

Francisco Canosa, o encargado de guiar este paseo xeolóxico por Foz, é licenciado en Xeoloxía pola Universidade de Salamanca e Doutor en Xeoloxía pola Universidade de Oviedo. Cursou un Máster en Recursos Xeolóxicos e  Xeotecnia e é director científico do proxecto “Xeoparque  do Cabo Ortegal”. Conta con 20 anos de experiencia como guía en saídas xeolóxicas e docencia de xeoloxía en diferentes niveis educativos e universitarios ás súas costas. É creador e coordinador de Xeorutas nos  Concellos de Ribadeo, Burela, Cedeira, Moeche, Ortigueira, O Vicedo, San Sadurniño e Nigrán. Ademais de socio da  AEPECT (Asociación Española para o Ensiño das Ciencias da Terra) e da Sociedade Xeolóxica de España. Organizador do Xeolodía en Galicia desde o 2013. Membro da Comisión de Patrimonio Xeolóxico do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España. Colaborador e docente nos Centros de Formación e Recursos de Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Autor de diferentes publicacións no ámbito da divulgación da xeoloxía de Galicia.

E o 17 de agosto terá lugar un roteiro botánico por Burela, que será guiado por Pedro Rolle e Guido Álvarez. Este roteiro é unha moi boa oportunidade para coñecer as plantas e animais que habitan os montes de Burela e, de paso, disfrutar da natureza facendo deporte. As especies máis representativas destes ecosistemas forestais, son o eucalipto (en distintas variedades), especie moi común na Mariña e outras árbores coma o piñeiro e a acacia. Ademais coñeceremos varias especies herbáceas que, na súa maioría son usadas como plantas medicinais. A fauna máis representativa son as aves forestais, coma o miñato, o gaio, o merlo ou o corvo pequeno. Así coma reptís, anfibios e insectos relacionados con estes ecosistemas. 

Municipio: Burela.
Data: 17 de agosto del 2020.
Hora de inicio: 10:00 horas
Duración: 3 horas.
Lugar de inicio: Zona Vila do Medio, Burela.
Dificultade: Baixa.
Observacións:  Uso de roupa e calzado cómodo (non fai falta impermeable, non imos andar por zonas  encharcadas). Gorra e crema solar (zona de montaña aberta). Auga. Prismáticos e en caso de ter algún libro de fauna (aves, insectos) e/ou flora.
Prazas dispoñibles: 25.

Do roteiro botánico por Burela encargaranse Pedro Rolle e Guido Álvarez.  Pedro  Rolle é Guía de Natureza, así como técnico en traballos forestais e técnico en conservación do medio natural. Formador ocupacional, capataz agrícola e forestal. Profesional apaixonado e traballador que coñece especialmente ata o último recuncho de Alfoz e O Valadouro. Moi coñecido en toda A Mariña polo seu proxecto persoal O Freixo Dos Lobos, Ecoturismo e Natureza, que ten como obxectivo concienciar á poboación da importancia de conservar e respectar o medio ambiente. Poñendo en valor os recursos naturais mediante o coñecemento da súa contorna. Ten catro anos de experiencia como organizador e guía-intérprete en roteiros, talleres de natureza e charlas sobre medio ambiente, nos espazos naturais protexidos de A Mariña Lucense.

E Guido Álvarez é Guía Oficial de Turismo de Galicia acreditado en 5 idiomas (inglés, francés, italiano, castelán e galego). Diplomado en Turismo (UDC), e con Máster Interuniversitario Oficial en Xestión e Planificación do Turismo (USC) e Máster Europeo en Paisaxes Culturais (Universidades Jean  Monnet, Federico II e  Stuttgart). Posúe 16 anos de experiencias laborais e académicas no mundo do Turismo,  incluídos 4 anos no estranxeiro (Inglaterra, Francia, Italia e Alemaña).

Os prezos dos roteiros son: 5 euros individual / 8 euros parella / 12 euros familiar ou grupo ata 5 membros.
A Mariña en Ruta é unha iniciativa da Mancomunidade que se realiza coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e, para a súa promoción, da Deputación de Lugo.
Para máis información:
https://enruta.amarinalucense.gal/