A Fraga da Furna e Mondoñedo serán as seguintes paradas de A Mariña en Ruta os días 12, 20 e 26 de setembro. Os roteiros están organizados pola Mancomunidade.

A Fraga da Furna, na Serra do Xistral, e Mondoñedo serán as seguintes paradas de A Mariña en Ruta, os roteiros que organizou a Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense durante os meses de agosto e setembro. 

Mañá, día 12, terá lugar a ruta á Fraga da Furna, que guiará Óscar Chao. A Fraga de Furna é unha ruta de interpretación de ecosistemas característicos da Serra do Xistral. Pretende ser unha iniciación á procura e interpretación de indicios de presenza de fauna silvestre (pegadas, excrementos, depredacións…). A ruta discorre por unha das fragas mellor conservadas do norte galego, onde os asistentes terán a oportunidade de analizar a súa orixe xeolóxica, a súa fauna e flora asociadas, e comprobarán o contraste cos ecosistemas de altura e turbeiras de cobertor, así como a presenza de diferentes especies animais, normalmente esquivas e de hábitos nocturnos, a través de cámaras de foto-trampeo.

Municipio: O Valadouro.
Data: 12 de setembro do 2020.
Hora de inicio: 10:00 horas.
Duración: 2 horas e media.
Lugar de inicio: Capela de Santa Filomena do Cadramón, O Valadouro. Coordenadas: 43.483430, -7.523549.
Dificultade: Media.
Observacións: A ruta deseñada é de escaso desnivel, pero debe terse en conta que se cruzará un río en diversas ocasións, polo que se recomenda un calzado resistente á auga. Recomendable levar prismáticos, crema solar e repelente de insectos. Suxírese levar roupa axeitada, con pantalón longo. Debido á situación sanitaria derivada do SARS-Cov2, ofrecerase material de consulta e información da ruta para descargar a través de código QR, polo que se o desexan deberán ter instalada nos seus dispositivos unha app de lectura de códigos.
Prazas dispoñibles: Xa non quedan. A ruta está completa.

Xa o 20 de setembro desenvolverase unha ruta pola cidade episcopal. Denomínase Mondoñedo, as mil historias e será guiada por Claudia del Pino. Trátase dun paseo cultural por Mondoñedo para coñecer mellor o amplo e valioso patrimonio da cidade, capital dunha das sete provincias do Antigo Reino de Galicia, e un dos seus barrios máis emblemáticos: o Barrio dos Muíños, onde unha sorpresa moi artesanal, espera polos participantes neste roteiro. 

Municipio: Mondoñedo.
Data: 20 de setembro do 2020.
Hora de inicio: 10:30 horas.
Duración: 2 horas e media.
Lugar de inicio: Praza da Catedral (Mondoñedo).
Dificultade: Leve.
Observacións: Uso de roupa e calzado cómodo. Gorra e crema solar (zona de montaña aberta). Auga.
Prazas dispoñibles: Xa non quedan. A ruta está completa. 

E o 26 de setembro terá lugar un roteiro cunqueiriano por Mondoñedo guiado tamén por Claudia del Pino. Trátase dun paseo cultural percorrendo recunchos de Mondoñedo relacionados coa vida e obra do gran escritor Álvaro Cunqueiro Mora. Desde a Fonte Vella, fronte á que sitúa a Casa Natal do autor, e ata o Cemiterio Vello onde repousan os seus restos, visitaremos esta cidade definida pola arte e a historia, coa intención de entrar nasúamáxica atmosfera literaria.

Municipio: Mondoñedo.
Data: 26 de setembro do 2020.
Hora de inicio: 10:30 horas.
Duración: 3 horas.
Lugar de inicio: Fonte Vella, Rúa da Fonte 6 (Mondoñedo).
Dificultade: leve
Observacións: Uso de roupa e calzado cómodo. Gorra e crema solar (zona de montaña aberta). Auga.
Prazas dispoñibles: Só quedan 4 prazas libres.

A Mariña en Ruta é unha iniciativa da Mancomunidade que se realiza coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e, para a súa promoción, da Deputación de Lugo.
Para máis información:
https://enruta.amarinalucense.gal/